CONFERENCIA SOBRE O FONDO SOCIAL EUROPEO EN MANCHESTER (REINO UNIDO)
O comisario encargado do Emprego, dos Asuntos Sociais e da Igualdade de Oportunidades, Vladimir Spidla, participou na conferencia sobre o Fondo Social Europeo (FSE), organizada pola Presidencia británica da Unión Europea o pasado 14 de outubro en Manchester. O discurso do Comisario centrouse principalmente na relación existente entre as políticas sociais e de emprego da Unión Europea e o FSE.
Spidla recordou no seu discurso a importancia de chegar a un acordo sobre as perspectivas financeiras antes de que finalice este segundo semestre de 2005, para de esta maneira evitar longos atrasos e interrupcións na aplicación polos Estados membros dos fondos europeos existentes. O Comisario fixo especial fincapé no feito de que a proposta de regulamento relativo ó FSE1 presentada pola Comisión Europea foi apoiada e aprobada polos Estados membros, polo que soamente urxe a aprobación das devanditas perspectivas financeiras.
Neste contexto político, Spidla afirmou o carácter solidario da Política de Cohesión da Unión Europea que supón a base do Modelo Social Europeo, un Modelo que se atopa actualmente no centro do debate comunitario e que busca reforzar a competitividade do mercado laboral europeo, mellorando a calidade e cantidade dos postos de traballo, así como a promoción da inclusión social.
Neste sentido, Spidla enumerou as tres áreas prioritarias que deberían ser reforzadas para asegurar o éxito do Fondo Social Europeo:
1.-As relacións entre o FSE e as Estratexias Europeas relativas ó Emprego e a Inclusión Social. O Comisario recordou a proposta da Comisión Europea relativa á creación dun Fondo de Axuste ó Crecemento para facer fronte ós problemas dun Estado membro como consecuencia de cambios económicos relevantes e cun presuposto dun billón de euros. Proposta rexeitada polos Estados membros pero que a Comisión pretende relanzar neste semestre para que os Estados se convenzan da súa importancia.
2.-A capacidade administrativa das institucións como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social. Esta mellora da eficiencia das administracións é unha prioridade que afecta a tódolos niveis operativos (europeo, nacional e rexional-local).
3.-O partenariado e a cooperación transnacional.
Cabe recordar que na proposta de Regulamento relativo ó Fondo Social Europeo establécense as seguintes prioridades segundo os diferentes obxectivos previstos:
1.-Obxectivo Converxencia: reforzar os recursos humanos para aumentar de esta forma o potencial de emprego, a productividade do traballo e a estimulación do crecemento. Tamén a mellora da gobernanza e as devanditas capacidades administrativas das institucións.
2.-Obxectivo Competitividade: reforzar a capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas, a inclusión social, o acceso ó mercado laboral, a loita contra a discriminación e o desenvolvemento de redes a favor do emprego e da inclusión.
3.-Finalmente as actividades innovadores intégranse nos programas do FSE, así como as accións de cooperación transnacional.
————————————————-
1 Proposta de Reglamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo ó Fondo Social Europeo, 14 de xullo de 2004, COM (2004) 493 final