CONFERENCIA SOBRE COMERCIO XUSTO
O pasado 22 de xuño celebrouse na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas
unha conferencia organizada polo Partido Socialista Europeo sobre Comecio Xusto,
na que representantes de Comisión Europea e das organizacións non
gobernamentais de comercio xusto debatiron sobre os resultados desta
alternativa de comercio e sobre as leccións que dela poden desprenderse para a
política.
O comisario de Comercio, Peter Mandelson, recoñeceu a importancia e os
logros acometidos polo movemento de Comercio Xusto dende os seus
inicios: por unha banda, contribúe a ter sempre presente a dimensión humana do
comercio, lembrando que detrás dos produtos existen persoas e familias, e, por
outra, amosa a capacidade de influencia que teñen os consumidores elixindo os
produtos que mercan.
Porén, nas súas funcións de comisario, Peter Mandelson amosou a imposibilidade
e a inconvenencia de intervir nos precios de venta nun contexto de libre mercado.
”A alternativa do comercio xusto, que si o fai, non implica, sen embargo, que o
comercio tradicional sexa de por si inxusto”. A política comercial defendida por
Mandelson pretende fomentar o comercio como medio para acabar coa pobreza.
Con este obxectivo, está a negociarse a Axenda de Desenvolvemento de Doha, no
marco da OMC, onde a Unión Europea comprométese a abrir ao mercado os
sectores máis sensibles a un ritmo determinado pola capacidade e as necesidades
de desenvolvemento dos páíses máis débiles. Ao mesmo tempo, a Unión Europea
está a revisar as súas normas de orixe para adecualas ás necesidades destes
países e téñese comprometido a prestar maior asistencia técnica comercial.
No tocante á axenda relativa ao comercio xusto, o comisario mostrouse disposto a
debatir co resto de membros da OMC a inclusión de incentivos específicos para
mellorar o acceso destes productos ao mercado, tal como xa existe nos Acordos
de Asociación Económica entre a Unión Europea e os países ACP (África, Caribe e
Pacífico).
Sen existir un plan de acción concreto, os eidos nos que está a traballar a
Comisión en relación co comercio xusto son:
– Apoio ás ONGD que traballan na promoción do comercio xusto e nas
actividades de sensibilización ao respecto (para o que teñen previsto aumentar
o orzamento);
– Unha avaliación sobre a eventual necesidade dun etiquetado estándar de
comercio xusto, fronte a diversidade de organizacións internacionais de
etiquetado de comercio xusto actuais;
– A posibilidade de promover o comercio xusto nas licitacións públicas a nivel
europeo;
– A necesidade de que exista un punto de contacto específico na Comisión sobre
este tema.
O resto de participantes, entre os que se atopaba Carol Wills, ex directora
executiva da IFAT (Asociación Internacional de Comercio Alternativo), destacaron
os avances realizados na promoción do comercio xusto:
– Hoxe en día, os ingresos xerados polo comercio xusto en todo o mundo
ascenden a un billón de euros ao ano. Malia que esto supón un gran avance, a
cifra é aínda minúscula en relación co volume do comercio mundial.
– Aumenta ostensiblemente o seu recoñecemento. En Reino Unido, por exemplo,
calcúlase que a metade da población coñece o concepto de comercio xusto.
– Nos países en desenvolvemento, preto de 5 millóns de persoas se benefician
deste comercio alternativo.
– O mercado destes productos tese multiplicado por dous cada cinco anos.
Felicitándose por estes logros, todos os poñentes coincidiron, no entanto, en que
aínda queda moito por facer e solicitaron o apoio do Parlamento para
defender o comercio xusto.
No debate, xurdiron os problemas aos que teñen que enfrentarse actualmente os
produtores dos paíse pobres, como as trabas administrativas que atopan no
etiquetado ou a prefinanciación. Así mesmo, abordouse o tema da
Responsabilidade Social Corporativa en relación co comercio xusto, apuntándose
os modos en que se está a fomentar esta práctica nas empresas.
Os interviñentes procedentes de organizacións de comercio xusto de países en
desenvolvemento (India e Senegal) salientaron a necesidade de fomentar o
comercio Sur-Sur e de promover a venta de produtos de comercio xusto nos
propios países en desenvolvemento.
Para clausurar a conferencia, o eurodiputado español Míguel Ángel Martínez
expresou o firme compromiso por parte da comisión parlamentaria de
Desenvolvemento de incluir a defensa do comercio xusto na súa axenda. Durante
o acto, distribuíronse, ademais, cartas para solicitar que o servicio de catering do
Parlamento Europeo utilice produtos de comercio xusto.
A conferencia supón un novo impulso ao comercio xusto, dado que non existe
ningún acto normativo que o respalde formalmente. Dende 1999, en que a
Comisión publicou unha comunicación pola que se inclúe o comercio xusto entre
os obxectivos da política de desenvolvemento da UE, varias resolucións do
Parlamento e regulamentos de comercio exterior favorecen indirectamente esta
práctica.