CONFERENCIA SOBRE A NOVA ESTRATEXIA EUROPEA DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN “i2010”

O xoves día 10 de novembro tivo lugar en Bruxeles unha conferencia adicada a
nova Estratexia da Comisión Europea sobre a Sociedade da Información “i2010”,
organizada pola cidade finesa de Turku e coa presencia entre outros invitados de
Guido Acchioni da Dirección Xeral da Sociedade da Información e Adam Abdulwahab
da Dirección Xeral de Política Rexional.


A conferencia, chamada “Cara un espacio europeo común da información: a
Estratexia “i2010” da Unión Europea e o papel dos actores rexionais e locais”,
centrouse principalmente na presentación pormenorizada da nova Estratexia
proposta pola Comisión Europea no primeiro semestre deste ano no eido da
Sociedade da Información, e definida pola comisaria encargada desta carteira,
Viviane Reding coma a nova iniciativa destinada a reducir a chamada brecha
dixital na Unión Europea, estimulando a utilización das novas tecnoloxías “on-
line” en tódalas rexións e para tódolos cidadáns europeos.


Esta iniciativa “i2010”, forma parte dos novos pulos que a Unión Europea
pretende dar á economía e ó crecemento a través do relanzamento da Estratexia de
Lisboa proposta no pasado Cumio de primavera do mes de marzo de 2005 polos Xefes
de Estado e de Goberno europeos.


Unha Estratexia cuxos obxectivos principais foron expostos por Guido Acchioni
na súa intervención, e que poden resumirse non seguintes:


-Promover o desenvolvemento dun “espacio europeo da información”, creando as
condicións apropiadas para mellorar os servizos prestados e a seguridade dos
mesmos, así por exemplo o acceso a unha rede integrada de banda ancha a gran
velocidade ou a simplificación do marco regulamentario existente.


-Promover a innovación e o investimento no eido da investigación, para desta
forma acadar un liderato mundial neste campo, que nos permita competir coas
grandes potencias tradicionalmente ligadas ó desenvolvemento de novas
tecnoloxías. O obxectivo de acadar o 3% do PIB da Unión para a política de I+D
segue sendo una asignatura pendente.


-Explotar todo o potencial das TIC (tecnoloxías da información) a favor do
benestar dos cidadáns europeos, mellorando os servizos públicos “on-line” e a
calidade de vida, especialmente facilitando o acceso das novas tecnoloxías ás
persoas con discapacidade ou con poucos recursos. Noutras palabras fomentar a
inclusión creando unha Sociedade da Información accesible a todos e a tódalas
rexións (con especial fincapé nas zonas rurais o ailladas).


Estes obxectivos están definidos para un período de 5 anos, pero ademais a
Comisión ten previsto adoptar informes anuales sobre a aplicación na práctica da
Estratexia, así como un exame a medio termo en canto á consecución dos
obxectivos establecidos. Así mesmo prevese a constitución dun Grupo de Alto
Nivel composto por representantes dos Estados membros e eurodeputados que
aseguren o efectivo cumprimento e a coordinación da iniciativa coas iniciativas
nacionais, rexionais e locais e o resto de políticas europeas. Outro grupo
temporal “ad hoc” (composto por representantes da indutria, das PEMES, da
sociedade civil, das autoridades locais e rexionais, dos consumidores, etc.)
será instituído para contribuír, por unha banda á preparación da Declaración de
Riga 2006 (próxima conferencia adicada á Sociedade da Información, prevista na
capital letona dos días 11 ó 13 de xuño de 2006), e pola outra banda a redacción
dunha comunicación sobre “e-inclusión”  no 2007 para a nova proposta da
iniciativa ”e-inclusión” para o 2008.


En canto ós problemas derivados da brecha dixital, a Comisión presentou os
resultados do informe²  resultante do foro virtual adicado a este fenómeno
lanzado este ano. O informe quere dar un novo pulo ás estratexias de acceso á
banda ancha, propoñendo o reforzo das actuais políticas comunitarias e nacionais
neste eido, políticas pola súa parte inspiradas no “paquete intregrado de liñas
directrices para o crecemento e o emprego 2005-2008” adoptadas como resposta ó
mandato dos Xefes de Estado e de Goberno dos 25 no pasado Cumio de Primavera
celebrado no mes de marzo, así como na propia iniciativa exposta nesta nota,
“i2010”. A este efecto destaca a proposta para o lanzamento dunha nova páxina
web para as autoridades rexionais e locais destinada a facilitar información
importante neste eido, a promover o intercambio de boas prácticas entre as
diferentes autoridades e a establecer unha base de datos común e un centro de
información accesible a todos. Finalmente unha nova comunicación sobre este tema
será adoptada previsiblemente a finais deste ano pola Comisión Europea, baixo o
título “Bridging the broadband gap” (superando a brecha dixital)


²  Consulta
do informe