CONCLUSIÓNS DO CONSELLO DE XUSTIZA E ASUNTOS DE INTERIOR
Durante a reunión do Consello de Ministros de Xustiza e Asuntos de Interior mantida en Luxemburgo o día 12 de outubro, tratáronse varios temas de relevancia entre os que podemos destacar o debate mantido sobre a situación creada nas cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, e a adopción de dous documentos de Conclusións sobre a retención de datos das comunicacións, e sobre os Programas Rexionais de protección e a avaliación das ameazas criminais.
Polo que se refire á proposta sobre a retención de datos, o Consello intercambiou puntos de vista partindo dun documento presentado pola Presidencia. Polo momento, o Consello segue a estudia-las posibilidades de elaborar unha decisión marco ou plasmar esta iniciativa como directiva. Os elementos básicos desta normativa configúranse como segue: 1) ámbito de aplicación: os datos con orixe nas redes de telefonía fixas e móbiles, no acceso a internet e os datos relativos ós servicios de internet, igualmente as chamadas fallidas; 2) tempo de retención dos datos: inicialmente proponse un mínimo de 6 meses para os datos relativos a internet e 12 meses para os da telefonía, con un tope de 2 anos (excepto para os Estados que xa teñan unha normativa na materia que permita a retención durante máis tempo); 3) corresponderá ós Estados membros a decisión de reembolsa-las compañías provedoras destes servicios os gastos nos que poidan incorrer por mor do cumprimento da nova normativa.
Na próxima reunión do Consello, retomarase esta cuestión coa intención de chegar a unha decisión antes de final de ano. Esta proposta foi realizada en 2004, e ten a súa base xurídica nos artigos 31 e 34 do Tratado da UE, para a súa adopción é necesaria a unanimidade do Consello. Porén, a Comisión ten estimado certos detalles da proposta podan ser adoptados polo procedemento de codecisión, xa que serían materias pertencentes ó denominado primeiro piar.
En segundo lugar, tivo lugar un intercambio de puntos de vista sobre os Programas de Protección Rexional co Alto Comisionado para os Refuxiados, Antonio Guterres. Deste diálogo derivouse a adopción dunhas Conclusións nas que se recoñece a importancia de mellora-la protección das persoas susceptibles de persecución internacional, así como a relevancia destes programas como paso inicial para ofrecerlles seguridade. O obxectivo destes programas é mellora-las condicións dos refuxiados, así como contribuír á mellora da protección dos Dereitos Humanos no país receptor
En terceiro e último lugar o Consello adoptou unhas Conclusións sobre a avaliación das ameazas criminais. Nas Conclusión adoptadas o Consello considera positiva a introducción, por Europol, dun mecanismo de avaliación de ameazas criminais.