CONCLUSIÓNS DO CONSELLO DE TRANSPORTES DO 6 DE OUTUBRO

O pasado 6 de outubro reuniuse en Luxemburgo o Consello de Transportes, Telecomunicacións e Enerxía baixo a presidencia de Alistair Darling, Secretario de Estado para os Transportes do Reino Unido. A orde do día deste terceiro Consello de Transportes do ano, o primeiro baixo Presidencia británica, incluía un debate sobre a proposta relativa ós dereitos das persoas con mobilidade reducida cando viaxan en avión e un intercambio de puntos de vista sobre dúas propostas lexislativas relativas ó acceso ó mercado de servicios ferroviarios internacionais.   


A espera da opinión do Parlamento Europeo (PE) en primeira lectura,  o Consello acordou unha orientación xeral sobre a proposta de regulamento relativa ós dereitos das persoas con mobilidade reducida cando viaxan en avión. Esta proposta pretende asegurar que a ningunha persoa discapacitada ou con mobilidade reducida se lle impida realizar unha reserva ou embarcar nun avión en razón da súa discapacidade e precisa as responsabilidades dos xestores dos aeroportos e das compañías neste sentido.


Os puntos claves da proposta, tal e como foi acordada no Consello, son os seguintes:


– Soamente se lle pode negar o embarque a unha persoa discapacitada ou con mobilidade reducida por razóns de seguridade debidamente xustificadas. En caso de que se lle impida o embarque, deberáselle ofrecer a persoa afectada a oportunidade de embarcar noutro voo sen custe adicional e, se esto non é posible, se lle ofrecera o reembolso do custe do billete
– As persoas con discapacidade ou mobilidade reducida deberán recibir asistencia no aeroporto e a bordo do avión se informan á aerolíña das súas necesidades específicas con adianto suficiente.
– A cuestión de quén debe ser responsable de proporcionar a asistencia foi unha das principais controversias á hora de lograr un acordo no Consello. Finalmente acordouse que os xestores dos aeroportos serán os responsables de proporcionar esa asistencia, pero poderán ofrecer o servicio eles mesmos ou contratalo sacándoo a concurso público.


A Presidencia pretende alcanzar un acordo político sobre esta proposta no Consello de Transportes de decembro.


Por outro lado, tivo lugar un intercambio de puntos de vista sobre a proposta de Directiva relativa a apertura do mercado para os transportes internacionais de viaxeiros por ferrocarril (proposta de acceso ó mercado ferroviario) e os vínculos desta proposta coa proposta de Regulamento relativa ós servicios públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada (proposta de obrigacións de servicio público).


A proposta de acceso ó mercado ferroviario prevé a apertura do mercado de  servicios ferroviarios internacionais de pasaxeiros en 2010. A proposta autoriza o cabotaxe, isto é, recoller e deixar pasaxeiros nun mesmo Estado membro sempre que se trate dun tren internacional (permítese se non hai obrigación de servicio público entre dous puntos), e preserva o equilibrio económico dos contratos de servicio público. Esta proposta forma parte do chamado “terceiro paquete ferroviario” que inclúe ademais outras tres propostas relativas ós dereitos e obrigas dos pasaxeiros, á mellora da calidade dos servicios de frete ferroviario e  á certificación do persoal a bordo dos trens.


Pola súa parte, o Parlamento Europeo (PE) pronunciouse en primeira lectura o 28 de setembro a favor da liberalización progresiva a partir de 2008 do transporte ferroviario internacional e nacional de pasaxeiros na UE. Os deputados apoiaron a liberalización do transporte internacional de pasaxeiros desde 2008 e a liberalización do transporte nacional catro anos máis tarde, o que supón unha apertura mais extensa e máis rápida que a proposta pola Comisión. Na súa proposta de directiva a Comisión propoñía a apertura soamente do transporte internacional de pasaxeiros e unicamente a partir de 2010. A Comisión considera prematura a data de 2008 e cree así mesmo que a proposta de abrir o mercado de servicios nacionais ferroviarios é prematura e non está xustificada economicamente.


A proposta de obrigacións de servicio público pretende adaptar a lexislación europea á evolución do sector de transportes por estrada e ferroviarios coa fin de reforzar a seguridade xurídica e mellorar a eficacia e a calidade dos servicios públicos. Preténdese establecer un réxime de obrigacións de servicio público simple, transparente e que evite que as compensacións sexan consideradas axudas de Estado. En canto as modalidades de intervención das autoridades competentes (atribución de dereitos exclusivos e de compensacións de obrigacións de servicio público), recoñéceselles a estas a facultade de prestar elas mesmas, ou por medio dun operador interno, os servicios de transporte públicos sen someterse as regras da competencia sempre que respecten criterios precisos en materia de compensacións e ámbito xeográfico.  


En definitiva, o obxectivo é abrir o mercado dos servicios públicos de transporte de viaxeiros á competencia e lograr unha maior transparencia nas relacións contractuais Segundo a Comisión, a nova proposta de regulamento (a actual é unha revisión das dúas propostas anteriores, a inicial de 2000 e a revisada de 2002) limita as excepcións en relación coa de 2002, de maneira que se calcula que abrirá á competencia dous tercios do sector do transporte público en Europa.


Esta proposta de obrigacións de servicio público aínda non foi analizada de maneira específica polo Consello, pero a Comisión opina que, tendo en conta a súa relación coa proposta do terceiro paquete ferroviario, as dúas propostas deben discutirse de maneira coordinada. A maioría dos Estados membros compartiu a idea de que a apertura do mercado de servicios de transporte internacional de viaxeiros dará lugar a servicios máis competitivos e atractivos. O Consello, á vista dos resultados deste intercambio de puntos de vista, decidiu seguir analizando conxuntamente a proposta de acceso ó mercado ferroviario e os aspectos relevantes da proposta de obrigacións de servicio público co obxectivo de alcanzar, se fora posible, un acordo político sobre a posición común do Consello na proposta de acceso ó mercado ferroviario no Consello de decembro.


O próximo Consello de Transportes, Telecomunicacións e Enerxía terá lugar o 1 de decembro e está previsto que se traten fundamentalmente cuestións relacionadas coa enerxía e as telecomunicacións.