Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Conclúe o traballo da Conferencia sobre o futuro de Europa

Conclúe o traballo da Conferencia sobre o futuro de Europa

10/05/2022 |

— Os copresidentes da Conferencia entregaron o informe sobre os resultados finais ás tres presidencias das institucións europeas

 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022. Coincidindo co día de Europa, celebrouse en Estrasburgo a cerimonia de clausura da Conferencia sobre o futuro de Europa. Nela, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola e o presidente francés (en representación da presidencia do Consello da UE), Emmanuel Macron, recibiron dos copresidentes do Comité Executivo da Conferencia, o informe sobre o resultado final dos traballos realizados.

Este exercicio de reflexión e debate cidadá conclúe cun informe no que se expoñen até 49 propostas e que abarcan máis de 320 medidas a aplicar por parte das institución da Unión Europea, todas elas enmarcadas nos nove eixos temáticos da Conferencia: cambio climático e medio ambiente; saúde; unha economía máis forte, xustiza social e emprego; a UE no mundo; valores e dereitos, Estado de dereito, seguridade; transformación dixital; democracia europea; migración; e educación, cultura, xuventude e deporte. Estas propostas baséanse tanto nas recomendacións cidadás realizadas nos paneis europeos como na recolleita de ideas que se foron publicando na plataforma multilingüe.

Entre as propostas, atópanse o fortalecemento do Estado de Dereito, os valores democráticos e a identidade europea, facendo que os principios fundacionais da UE sexan non negociables e unha condición necesaria para pertencer á Unión; a redución da dependencia enerxética de actores externos, adoptando unha estratexia que dote de maior autonomía na produción enerxética á UE; ou fomentar a participación cidadá, especialmente da xuventude, creando (por exemplo) conselleiros europeos que sirvan como nexo entre a cidadanía e a Unión Europea.

Unha cuestión controvertida a destacar é a proposta modificación dos tratados. Nunha resolución do Parlamento Europeo sobre o resultado da Conferencia, aprobada o pasado 4 de maio, sinalábase que algunhas das recomendacións requirirían da modificación dos Tratados. Por este motivo, solicitábase á comisión parlamentaria de Asuntos Constitucionais que presentase iniciativas para poder levar a cabo ditas reformas, a través dunha Convención, tal e como recolle o artigo 48 do Tratado da UE.

Non obstante, hai posturas divididas. Existen países e representantes que se amosan favorables á modernización das institucións comunitarias e a unha eventual reforma dos tratados, como as presidentas Von der Leyen e Roberta Metsola ou o presidente Macron, firmes partidarios desta reforma. Pero tamén existen posturas máis euroescépticas que se opoñen a que a UE adquira un rol tan central nas súas políticas, como poden ser Polonia ou Hungría, que xa se manifestaron anteriormente en contra dun aumento de competencias de Bruxelas.

Durante os próximos meses, as tres institucións (Comisión, Parlamento e Consello) realizarán un seguimento das propostas no marco das súas competencias. Con base a este traballo, en outono de 2022 organizarase un evento no que se informará á cidadanía sobre como as institución europeas están a responder ás súas demandas e iniciativas.

Contexto

Conferencia sobre o futuro de Europa é un foro de debate que ten como obxectivo dar á cidadanía a oportunidade de definir como será a Unión Europea do futuro, participando activamente na formulación de propostas e no re-deseño das políticas comunitarias.

Durante o transcurso da Conferencia, organizáronse catro paneis cidadáns (con diferentes sesións) e leváronse a cabo milleiros de eventos ao redor de toda Europa, a fin de debater e reflexionar sobre o futuro da Unión. Este informe final reúne todas as inquedanzas, iniciativas e propostas realizadas durante o último ano, ao abeiro desta Conferencia.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data