Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia e as rexións europeas promoven un novo modelo de xestión de riscos para a agricultura

Galicia e as rexións europeas promoven un novo modelo de xestión de riscos para a agricultura

01/02/2024 |

— O Goberno galego realizou contribucións a un ditame aprobado hoxe polo Comité Europeo das Rexións sobre a xestión de riscos e a regulación do mercado para reforzar a actividade agrícola e garantir a seguridade alimentaria europea.

Bruxelas, 1 de febreiro de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 159 do Comité Europeo das Rexións (CdR) representando a Galicia. O pleno comezou cunha homenaxe ao recentemente falecido Jacques Delors, antigo presidente da Comisión Europea que dá nome precisamente ao edificio principal da sede do CdR en Bruxelas.

De entre os seis ditames aprobados, destaca para Galicia o relativo á xestión de riscos na actividade agrícola. Liderado polo conselleiro de Agricultura da rexión italiana de Campania, o ditame destaca as crecentes ameazas que enfronta o sector primario debido a fenómenos meteorolóxicos catastróficos relacionados co cambio climático, un problema estrutural para o que o actual modelo de xestión de riscos europeo non está preparado.

Por iso, fai fincapé na necesidade de impulsar un novo paradigma cun enfoque máis territorial, con maior peso de intervencións preventivas que favorezan a resiliencia das zonas rurais, e que combine unha maior diversidade de instrumentos públicos e privados. O texto chama tamén a avaliar as repercusións do cambio climático na acuicultura.

A Xunta de Galicia contribuíu ao proceso de elaboración do ditame nunha fase temperá, avogando pola aplicación de medidas de mitigación e adaptación que reduzan as vulnerabilidades das zonas rurais e defendendo que calquera novo enfoque de xestión de riscos debe ser complementario e non comprometer a cobertura do sistema de seguros agrarios actual.

Leccións extraídas da COP 28 

Os máis de 300 representantes locais e rexionais mantiveron tres debates de alto nivel sobre as prioridades da actual Presidencia belga do Consello, as próximas eleccións europeas cos representantes xuvenís das principais familias políticas europeas e a participación do CdR na COP 28 celebrada en novembro en Dubái.

Unha delegación de 8 membros participou na Conferencia da ONU sobre cambio climático, especialmente a través do seu Grupo de Gobernos Locais e Autoridades Municipais. Nela destacou a presencia do presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno, que neste último pleno participou tanto durante o debate sobre a COP28 como en calidade de relator dun ditame sobre o Pacto Verde Europeo e a saúde.

O traballo do CdR in situ e previo ao cumio foron decisivos para que a decisión marco da COP28 recolla unha clara vontade de fomentar a colaboración entre os distintos niveis de goberno dentro de cada Estado na actuación ante a crise climática.

Contexto

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data