Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Asuntos Marítimos » A Comisión presenta o Pacto Europeo polos Océanos

A Comisión presenta o Pacto Europeo polos Océanos

11/06/2025 | , ,

— Este pacto constitúe unha estratexia integral para protexer mellor os océanos, promover unha economía azul próspera e apoiar o benestar das persoas que viven nas zonas costeiras.

— O Pacto reúne nun único marco de referencia as políticas oceánicas da UE.

Bruxelas, 11 de xuño de 2025. A Comisión Europea adoptou o pasado 5 de xuño o Pacto Europeo polos Océanos, unha estratexia integral para protexer mellor os océanos, promover unha economía azul próspera e apoiar o benestar das persoas que viven nas zonas costeiras. O Pacto reúne nun único marco de referencia as políticas oceánicas da UE, abordando as importantes ameazas que afectan aos océanos, ás comunidades costeiras, ás illas e ás rexións ultraperiféricas.

Un só océano, unha soa estratexia

O Pacto Europeo polos Océanos céntrase en seis prioridades:

1. Protexer e restaurar a saúde dos océanos

A Comisión apoiará aos Estados membros na restauración de hábitats costeiros e mariños degradados. Entre as accións clave destacan o fomento da creación e xestión de zonas mariñas protexidas e a revisión da Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña e da Directiva sobre Ordenación do Espazo Mariño.

2. Impulsar a competitividade da economía azul sostible da UE

O océano é fundamental para sectores como a pesca, a acuicultura, o transporte marítimo, o turismo e a enerxía. A Comisión ten previsto fortalecer a industria marítima da UE cunha nova Estratexia Industrial Marítima e unha Estratexia para os Portos da UE. Tamén avaliará e, se fose necesario, revisará a Política Pesqueira Común. Para garantir unha pesca e acuicultura prósperas na UE, a Comisión presentará unha visión a longo prazo para estes sectores en 2026. Así mesmo, promoverá o acceso da mocidade profesional á investigación mariña, tecnoloxía oceánica e pesca sostible mediante a introdución dunha Estratexia Azul de Renovación Xeracional.

3. Apoiar as comunidades costeiras, insulares e rexións ultraperiféricas

As comunidades costeiras son a forza motriz dunha economía azul sostible e competitiva. Fornecen alimentos saudables e sostibles aos europeos, así como enerxía mariña renovable limpa e accesible. Garantir o seu futuro é, polo tanto, esencial. A Comisión presentará unha estratexia específica para o desenvolvemento e resiliencia das comunidades costeiras da UE e consultará ás partes interesadas sobre unha nova estratexia para as illas, así como sobre unha estratexia actualizada para as rexións ultraperiféricas. Ademais, proporá a creación de reservas europeas de carbono azul.

4. Avanzar na investigación oceánica, o coñecemento, as competencias e a innovación

O Pacto propón unha ambiciosa Iniciativa de Observación Oceánica da UE para mellorar o noso coñecemento dos océanos. Esta iniciativa estará sustentada por unha Estratexia de Investigación e Innovación Oceánica e nutrirá o Xemelgo Dixital Europeo do Océano. A UE manterase así como líder mundial en ciencia, tecnoloxía e datos oceánicos. Para aumentar a conciencia sobre a importancia do océano, a Comisión establecerá unha Rede Europea de Embaixadores Xuvenís do Océano para implicar á mocidade na sustentabilidade oceánica dentro da UE e a nivel global.

5. Reforzar a seguridade e defensa marítima

A Comisión reforzará a cooperación entre os gardacostas e as forzas navais da UE e a seguridade das fronteiras marítimas. Haberá unha estratexia coordinada para eliminar artefactos explosivos sen estourar nas augas europeas, comezando polo Báltico e o Mar do Norte. Investirase nunha flota pioneira de drons europeos, aproveitando tecnoloxías como a intelixencia artificial e sensores avanzados para a vixilancia en tempo real das actividades marítimas, reforzando así as capacidades de vixilancia marítima da UE.

6. Reforzar a diplomacia oceánica da UE e a gobernanza oceánica internacional

A Comisión intensificará a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada mediante a implementación obrigatoria do sistema dixital IT CATCH, a partir de xaneiro de 2026. Tamén reforzará a diplomacia oceánica europea para promover os obxectivos e intereses da UE en materia oceánica no escenario internacional. As prioridades incluirán a rápida ratificación e aplicación mundial do Acordo sobre a Biodiversidade máis aló da Xurisdición Nacional (BBNJ), un Tratado Ambicioso sobre os Plásticos e a designación de tres grandes zonas mariñas protexidas no Océano Antártico.

Aplicación e seguemento

Para acadar os obxectivos do Pacto, a Comisión presentará unha Lei sobre os Océanos da UE en 2027. Esta establecerá un marco único que facilite a execución dos obxectivos principais do Pacto, reducindo ao mesmo tempo a burocracia.

Esta lei basearase na revisión da Directiva sobre Ordenación do Espazo Mariño, que mellorará a coordinación entre sectores e a xestión por conca mariña.

A Comisión tamén creará un Consello de Alto Nivel para os Océanos, que reunirá representantes dos diversos sectores vinculados ao océano para orientar a aplicación do Pacto, e lanzará un taboleiro de seguimento do Pacto Europeo polos Océanos, que ofrecerá unha plataforma pública, transparente e centralizada para monitorar os progresos.

Contexto

O Pacto Europeo polos Océanos foi incluído nas orientacións políticas da Comisión von der Leyen II e reclamado nas Conclusións do Consello Europeo do 20 de marzo de 2025.

Fonte: Comisión Europea

 

Máis información: 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data