Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » A Comisión lanza a Estratexia Europea para a Resiliencia da Auga

A Comisión lanza a Estratexia Europea para a Resiliencia da Auga

11/06/2025 | ,

— A estratexia busca restaurar e protexer o ciclo da auga, garantir auga limpa e accesible para todas as persoas e crear unha economía da auga sostible.

— A Comisión comezará de inmediato a aplicar as accións emblemáticas da Estratexia e fará seguimento do progreso da Recomendación sobre eficiencia da auga.

Bruxelas, 11 de xuño de 2025. O pasado 4 de xuño, a Comisión adoptou a Estratexia Europea para a Resiliencia da Auga, cuxo obxectivo é restaurar e protexer o ciclo da auga, garantir auga limpa e accesible para todas as persoas e crear unha economía da auga sostible, resiliente, intelixente e competitiva en Europa.

Esta estratexia integral apoiará aos Estados membros na xestión máis eficiente da auga, tanto mediante a aplicación da lexislación vixente da UE como a través de máis de 30 accións. Os Estados membros, as rexións e os municipios, así como a cidadanía e as empresas, son actores clave para acadar a resiliencia hídrica.

Europa viuse afectada por fenómenos meteorolóxicos extremos, como inundacións catastróficas, secas prolongadas e incendios forestais. Cos crecentes efectos do cambio climático, a situación só pode empeorar. Ningún país nin rexión está a salvo. Isto afecta por igual á cidadanía, aos agricultores, ao medio ambiente e ás empresas, con repercusións na saúde, interrupcións no subministro de enerxía, alimentos e auga potable, e perdas económicas crecentes en toda a UE. Cinco dos dez principais riscos globais para as empresas están relacionados coa auga.

Hoxe en día, a resiliencia da auga e a súa xestión sostible deben situarse no centro da axenda para reforzar a seguridade da UE en consonancia cos escenarios climáticos, facer máis competitivas e innovadoras as nosas empresas, e converter Europa nun destino máis atractivo para o investimento. Isto representa unha oportunidade para os investigadores e as empresas europeas, que xa representan o 40 % das patentes de tecnoloxías da auga a nivel mundial.

Establecer unha visión común europea para a resiliencia da auga

A Estratexia céntrase en tres obxectivos clave para a acción común:

  1. Restaurar e protexer o ciclo da auga, desde a súa orixe ata o mar. Isto require unha aplicación efectiva do marco lexislativo da UE, como a Directiva Marco da Auga e a Directiva de Xestión de Inundacións, abordando tanto a cantidade como a calidade da auga. Ademais, é necesario mellorar a retención de auga na terra, previr eficazmente a contaminación da auga e tratar contaminantes na auga potable, incluídos os PFAS.                            
  2. Construír unha economía intelixente da auga que reforce a competitividade, atraia investimentos e promova a industria europea da auga. Para iso, é esencial mellorar a eficiencia no uso da auga e a súa xestión sostible. A Comisión publicou unha Recomendación sobre a Eficiencia da Auga, que establece principios orientadores para reducir o consumo de auga. Establece un obxectivo de mellora da eficiencia hídrica de polo menos o 10 % ata 2030 e anima aos Estados membros a establecer obxectivos propios segundo as súas circunstancias territoriais e nacionais. Neste contexto, cómpre reducir as fugas de auga (que oscilan entre o 8 % e o 57 % na UE) e modernizar as infraestruturas hídricas mediante financiamento público e privado, así como mediante solucións dixitais.                                                                                                                                                                            
  3. Garantir auga limpa, accesible e saneamento para todas as persoas. A Estratexia subliña o papel esencial de consumidores e empresas no aforro de auga na casa e no traballo. Por iso, foméntase o intercambio de boas prácticas para aumentar a concienciación pública e sectorial.

A nivel mundial, a Estratexia reforza o papel da UE na promoción da resiliencia da auga mediante asociacións e cooperación internacional. Actuando con liderado, a UE promoverá unha axenda global da auga en colaboración con socios internacionais e terceiros países, especialmente a través da Global Gateway.

Todos os actores da sociedade deben participar

Para acadar os obxectivos da Estratexia e apoiar aos Estados membros, á cidadanía, ás autoridades locais, ás empresas e á sociedade civil, a Comisión propón accións emblemáticas en cinco ámbitos clave:

  • Gobernanza e aplicación: Organizaranse Diálogos Estruturados cos Estados membros e encontros periódicos con rexións, cidades e autoridades da auga para promover boas prácticas, identificar retos de aplicación e prioridades de cumprimento, fomentar a cooperación transfronteiriza e simplificar a normativa europea sempre que sexa posible.                                                                                                                   
  • Investimentos: A Comisión aumentará os fondos dispoñibles a través da política de cohesión e adoptará unha folla de ruta para créditos baseados na natureza. O Banco Europeo de Investimentos lanzará un novo Programa da Auga e unha Plataforma de Asesoramento para a Auga Sostible, mobilizando máis de 15.000 millóns de euros entre 2025 e 2027.
  • Dixitalización e intelixencia artificial: Un Plan de Acción para a Dixitalización da Auga na UE impulsará o uso de tecnoloxías dixitais, incluídas a IA e sensores avanzados. Os medidores intelixentes teñen un gran potencial para detectar fugas, e os datos por satélite poden axudar na predición de eventos extremos.
  • Investigación e innovación: Lánzase unha Estratexia de I+D sobre Resiliencia Hídrica e unha Academia Europea da Auga, co obxectivo de reforzar a competitividade do sector, a formación e a capacitación profesional.
  • Seguridade e preparación: Reforzaranse os sistemas de alerta temperá e de seguimento en tempo real da UE para inundacións e secas, mellorando a coordinación entre os niveis europeo, nacional e local.

A Axencia Europea de Medio Ambiente publicou tamén un informe sobre o potencial de aforro de auga e posibles medidas.

Próximos pasos

A Comisión comezará de inmediato a aplicar as accións emblemáticas da Estratexia e fará seguimento do progreso da Recomendación sobre eficiencia da auga.

A partir de decembro de 2025, celebrarase cada dous anos un Foro de Resiliencia da Auga, que ofrecerá un espazo de diálogo inclusivo con todas as partes interesadas da UE.

En 2027, realizarase unha revisión intermedia para avaliar os avances na execución das accións da Estratexia.

Contexto

Os sistemas de auga europeos están sometidos a unha presión crecente debido á xestión insostible, á contaminación e á crecente demanda por parte da industria, a agricultura e as zonas urbanas, todo agravado polos efectos do cambio climático.

Segundo o Eurobarómetro 2024, máis do 78 % dos europeos considera que a UE debería propoñer medidas adicionais para facer fronte aos problemas relacionados coa auga.

A Estratexia para a Resiliencia da Auga foi anunciada nas Orientacións Políticas 2024-2029 da Comisión. Para a súa elaboración, a Comisión consultou unha ampla variedade de partes interesadas e recibiu preto de 600 achegas na convocatoria pública, organizou mesas redondas de alto nivel e avaliou informes recentes sobre o estado da auga na UE. Estas avaliacións revelan que só o 37 % das augas superficiais presentan un bo estado ecolóxico e apenas o 29 %, un bo estado químico.

Tamén se tiveron en conta as achegas do Informe de Iniciativa Propia do Parlamento Europeo sobre Resiliencia da Auga (maio de 2025), así como os ditames do Comité Económico e Social Europeo e do Comité das Rexións (2024).

Fonte: Comisión Europea

 

Máis información: 

  • Comunicación da Comisión sobre a Estratexia Europea para a Resiliencia da Auga.
  • Preguntas e Respostas sobre a Estratexia Europea para a Resiliencia da Auga.
  • Páxina web da Comisión sobre a Estratexia Europea para a Resiliencia da Auga.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data