Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia destaca en Bruxelas o Camiño de Santiago como exemplo de turismo de raíces

Galicia destaca en Bruxelas o Camiño de Santiago como exemplo de turismo de raíces

14/06/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou nunha reunión do Comité Europeo das Rexións na que se debateu como o turismo denominado “ancestral” ou “de raíces” pode revitalizar os territorios europeos e promover un desenvolvemento local sostible.

— A política agraria común e a recuperación da actividade agrícola en Gaza foron outros dos temas tratados.

Bruxelas, 14 de xuño de 2024. O turismo de raíces, tamén chamado turismo ancestral, nostálxico ou xenealóxico, foi un dos temas tratados na última reunión da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Baseado na elección de destinos turísticos por motivos de identidade e pertenza a unha familia, cultura, relixión ou grupo humano, esta modalidade de turismo non só mobiliza a millóns de viaxantes cada ano, senón que ofrece un modelo alternativo ao turismo de masas, menos estacional e máis diversificado, sostible e respectuoso co patrimonio.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou no debate e aprobación dun ditame que sinala o grande potencial que o turismo de raíces ten para o desenvolvemento local e a revitalización dos territorios en declive demográfico, especialmente en zonas que, como Galicia, experimentaron emigracións significativas na súa historia e contan cunha grande comunidade na diáspora.

Na súa intervención, o director xeral destacou a bagaxe de Galicia en materia de xestión e promoción dun modelo turístico competitivo, sostible e que pon en valor o patrimonio e a identidade galegas, eixos que conforman a nova Estratexia de Turismo de Galicia para 2030. Tamén destacou o grande potencial que a nosa comunidade ten á hora de desenvolver este turismo de raíces grazas á súa importante riqueza cultural.

Puxo como exemplo o Camiño de Santiago, unha ruta que segue a bater récords cada ano nos rexistros de chegadas de peregrinos, cuadriplicándose o seu número nos últimos 30 anos. Gamallo destacou como o turismo atraído polo Camiño crece fóra de tempada alta e como continúa a diversificarse a orixe dos peregrinos e a variedade de itinerarios elixidos. Na actualidade, constitúe un dos maiores exemplos a nivel mundial de congregación de viaxeiros por motivos de identidade e pertenza.

O futuro da Política Agraria Común

24 06 14 Jesús Gamallo na comisión NAT (1)

Outro dos puntos destacados do orde do día foi a celebración dun debate sobre o futuro da Política Agrícola Común da UE, cuestión á que se lle dedicou un ditame cuxo borrador fora aprobado na anterior reunión de NAT. O debate contou coa intervención de Peter Strohschneider, presidente do diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura da UE, posto en marcha pola Comisión Europea en xaneiro. A necesidade de garantir o relevo xeracional do sector agrícola, dar un apoio económico máis eficaz aos agricultores e fortalecer o papel das rexións na gobernanza da Política Agrícola Común (PAC) foron algúns das cuestións aludidas durante este punto.

Por último, os membros de NAT reuníronse con representantes da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) para estudar posibles vías de colaboración na súa iniciativa “Food for Gaza”. Á vista dos danos significativos na infraestrutura agrícola e a inminente gran fame que afecta a 1,1 millóns de persoas, a FAO ten por obxectivo proporcionar 1.500 toneladas de forraxe para apoiar a recuperación da agricultura local e así poder abastecer de leite aos nenos menores de dez anos pero enfróntase un déficit de financiamento de 28,5 millóns de dólares.

Contexto

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, o turismo ou a saúde pública. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea de rexións e municipios.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data