Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Competitividade » A Comisión propón flexibilizar o cumprimento dos obxectivos de emisións de CO₂ dos turismos e furgonetas novos para 2025

A Comisión propón flexibilizar o cumprimento dos obxectivos de emisións de CO₂ dos turismos e furgonetas novos para 2025

14/04/2025 | , , ,

— A medida de flexibilidade proposta permite avaliar o cumprimento por parte dos fabricantes dos obxectivos de CO₂ para 2025, 2026 e 2027 ao longo de todo o período de tres anos, facendo unha media dos seus resultados, no canto de facelo anualmente.

— Esta maior flexibilidade contribuirá a conservar a capacidade da industria para investir na transición ecolóxica.

Bruxelas, 14 de abril de 2025. A Comisión Europea propuxo o pasado 1 de abril unha modificación específica do Regulamento polo que se establecen normas de comportamento en materia de emisións de CO₂ dos turismos e furgonetas novos. A modificación introduce unha medida de flexibilidade en relación cos seus obxectivos de CO₂ entre 2025 e 2027.

Esta proposta anunciouse como parte do Plan de Acción Industrial para o Sector Europeo do Automóbil da Comisión, adoptado o 5 de marzo de 2025. Este Plan seguiu ao diálogo estratéxico sobre o futuro da industria automobilística iniciado pola presidenta von der Leyen o 30 de xaneiro de 2025, que incluíu unha consulta pública aberta e múltiples debates e contactos con líderes da industria, interlocutores sociais e partes interesadas para abordar os retos máis urxentes aos que se enfronta o sector.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou: «A nosa industria automobilística, altamente innovadora, está a descarbonizarse para contribuír á loita contra o cambio climático, pero tamén para manter a súa vantaxe competitiva nos mercados mundiais. Con esta iniciativa, concedemos maior flexibilidade a este sector fundamental e, ao mesmo tempo, mantemos o rumbo respecto aos nosos obxectivos climáticos. Xuntos queremos demostrar que a descarbonización e a competitividade poden ir da man».

A medida de flexibilidade proposta permite avaliar o cumprimento por parte dos fabricantes dos obxectivos de CO₂ para 2025, 2026 e 2027 ao longo de todo o período de tres anos, facendo unha media dos seus resultados, no canto de facelo anualmente. Este método permite aos fabricantes compensar as emisións anuais excesivas superando o obxectivo no ano ou anos restantes.

Esta maior flexibilidade contribuirá a conservar a capacidade da industria para investir na transición ecolóxica, preservando ao mesmo tempo o obxectivo para 2025 e mantendo á industria na traxectoria adecuada para a seguinte rolda de redución das emisións. Os obxectivos a escala da UE buscan facer que o sistema de transporte da Unión sexa máis sostible e que o transporte por estrada siga un camiño firme cara a unha mobilidade sen emisións en 2050.

A Comisión pide aos colexisladores que acaden sen demora un acordo sobre esta modificación para garantir a previsibilidade e a seguridade para a industria do automóbil e os investidores.

 

Fonte: Comisión Europea

Máis información

 

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data