Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Mellora da lexislación »Cara a unha UE con normas máis sinxelas, claras e mellor aplicadas
— A proposta busca reducir a complexidade normativa, mellorar a súa aplicación e reforzar a competitividade europea nun contexto global cambiante.
Bruxelas, 28 de abril de 2026. A Comisión Europea presentou hoxe o seu plan para modernizar a lexislación da UE, garantindo que as leis sexan máis claras, sinxelas, se apliquen de maneira máis eficiente, se baseen en probas sólidas e se axusten mellor ás necesidades da cidadanía e das empresas.
A Comisión actuará en cinco ámbitos:
- Sinxeleza desde o deseño: a lexislación da UE debe ser doada de entender, aplicar e facer cumprir. A Comisión pretende integrar a «sinxeleza desde o deseño» en cada proposta, garantindo claridade sobre quen debe actuar, como cumprir e as consecuencias do incumprimento.
- Reforzo do marco para unha mellor lexislación: o sistema de mellora da lexislación establece os principios que a Comisión Europea segue á hora de preparar novas iniciativas. Xa está entre os máis avanzados do mundo. Seguirase mellorando para aumentar a transparencia, a participación das partes interesadas e a eficiencia.
- Revisión profunda da normativa: aínda que a Unión segue aplicando políticas ambiciosas, tamén debe ordenar o gran volume de lexislación existente. Un plan de acción abordará incoherencias, solapamentos e disposicións excesivamente complexas en doce ámbitos prioritarios.
- Loita contra a sobrerregulación: a Comisión axudará aos Estados membros a identificar e abordar a complexidade innecesaria e os obstáculos ao mercado único cando apliquen requisitos máis estritos ou máis amplos que os establecidos no dereito da UE.
- Aplicación máis rápida e sólida: a Comisión reforzará a aplicación do marco normativo do mercado único en determinados ámbitos políticos. Tamén se fará fincapé na redución do número de casos de infracción de longa duración.
Nun momento de profundos cambios globais, un marco regulador eficiente e eficaz é esencial para a competitividade europea. Así, unhas normas máis sinxelas, mellor deseñadas e fáciles de aplicar contribuirán a liberar o potencial económico e a promover un mercado único máis dinámico e integrado.
O Parlamento Europeo e o Consello son socios esenciais para facer realidade os obxectivos desta Comunicación. Para iso, a Comisión pide aos colegisladores que garantan que os principios de «sinxeleza desde o deseño» e de mellora da lexislación se apliquen de maneira coherente por parte de cada institución en todo o proceso lexislativo.
A Comunicación de hoxe baséase nas orientacións políticas da presidenta Von der Leyen para 2024-2029, nos compromisos asumidos no retiro de dirixentes do 12 de febreiro de 2026 e na Comunicación «Unha Europa máis sinxela e rápida».
Máis información: Comisión Europea
Ficha informativa na que se enumeran as accións clave no marco da Comunicación
© European Union, 2026