Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » A Comisión adopta novas medidas para axudar aos Estados membros a recuperarse das catástrofes climáticas

A Comisión adopta novas medidas para axudar aos Estados membros a recuperarse das catástrofes climáticas

25/11/2024 | , ,

— Estas e outras propostas son unha resposta directa ás diversas catástrofes naturais que afectaron a Europa neste 2024.

— As modificacións refírense aos Regulamentos polos que se rexen diversos fondos europeos.

Bruxelas, 25 de novembro de 2024. A Comisión Europea adoptou o pasado mes de outubro novas medidas para apoiar aos Estados membros afectados por catástrofes sen precedentes relacionadas co clima.

Como anunciou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, durante a súa visita a Polonia o 19 de setembro de 2024, a Comisión propón modificar tres Regulamentos da UE para garantir que os fondos da UE poidan mobilizarse rapidamente para apoiar a recuperación tras unha catástrofe.

As modificacións refírense aos Regulamentos polos que se rexen o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo de Cohesión e o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para o período de programación 2021-2027, así como o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), como parte do marco do período 2014-2022.

Estas e outras propostas son unha resposta directa ás inundacións que afectaron aos países de Europa Central, Oriental e do Sur, así como aos incendios forestais ocorridos en Portugal en setembro de 2024. O conxunto das propostas podería permitir aos oito Estados membros afectados (Polonia, Romania, Austria, Chequia, Hungría, Portugal, Eslovaquia e, recentemente, España) reprogramar arredor de 18 000 millóns EUR (aproximadamente 17 700 millóns EUR con cargo aos fondos da política de cohesión e 588 millóns EUR con cargo ao Feader) para axudar no contexto de catástrofes relacionadas co clima. Estas medidas garantirán que a UE poida apoiar de forma flexible a todos os Estados membros que se viron afectados recentemente ou que poidan verse afectados no futuro por catástrofes relacionadas co clima.

O conxunto das propostas podería permitir aos oito Estados membros afectados (Polonia, Romania, Austria, Chequia, Hungría, Portugal, Eslovaquia e, recentemente, España) reprogramar arredor de 18 000 millóns EUR (aproximadamente 17 700 millóns EUR con cargo aos fondos da política de cohesión e 588 millóns EUR con cargo ao Feader)

Inxectar liquidez cun aumento do prefinanciamento e o cofinanciamento no marco da política de cohesión

Os fondos da política de cohesión xa axudan aos Estados membros a previr as catástrofes relacionadas co clima e a recuperarse delas. Sen embargo, as propostas de hoxe dotan aos Estados membros de maior flexibilidade para utilizar parte dos Fondos co obxectivo de reparar infraestruturas e equipos danados, proporcionar alimentos e asistencia material básica e apoio social e sanitario, e apoiar temporalmente a financiación de réximes de redución do tempo de traballo.

Ademais, introduciranse dúas novas medidas no marco do FEDER e o FSE+. En primeiro lugar, unha prefinanciamento adicional do 30 % ofrecerá unha inxección inmediata de liquidez para aliviar a presión orzamentaria sobre os Estados membros afectados. En segundo lugar, a UE poderá financiar até o 100 % das medidas que reciban apoio, sen necesidade de cofinanciamento nacional, para poñer en marcha os traballos de reconstrución.

Poderá utilizarse un máximo do 10 % dos fondos existentes da política de cohesión asignados aos Estados membros para o período de programación 2021-2027 a fin de cumprir estes obxectivos e prevese transferencias entre fondos da política de cohesión.

Maior posibilidade de financiamento do desenvolvemento rural para os agricultores, os silvicultores e as empresas

Ademais, grazas aos cambios propostos hoxe no Fondo de Desenvolvemento Rural da UE (o marco xurídico do Feader para o período 2014-2022), os Estados membros terán máis flexibilidade para apoiar aos agricultores, os silvicultores e as empresas afectadas por catástrofes naturais.

A axuda financeira ofrecida polo Feader estará cuberta ao 100 % por fondos da UE. A modificación permitirá aos Estados membros proporcionar de forma directa e rápida axuda de emerxencia aos agricultores, os silvicultores e as pequenas e medianas empresas (PEMEs), en forma de cantidades a tanto alzado. Ademais, os Estados membros beneficiaranse dunha maior flexibilidade para introducir e reforzar medidas destinadas a restablecer o potencial de produción das explotacións e os bosques afectados.

Próximos pasos

A proposta someterase a partir de agora ao procedemento lexislativo ordinario no Parlamento Europeo e no Consello da Unión Europea.

Unha vez que se adopte e de conformidade co principio de xestión compartida, os Estados membros interesados terán que decidir cal é a mellor maneira de facer uso desta flexibilidade e cantos fondos se mobilizan para facer fronte ás catástrofes recentes, tendo en conta ao mesmo tempo as súas necesidades específicas. A continuación, pedirase aos Estados membros que presenten modificacións dos programas á Comisión Europea, para a súa revisión e adopción.

Contexto

A proposta de hoxe constitúe unha resposta directa ás devastadoras inundacións que afectaron a Europa Central, Oriental e do Sur, e aos incendios forestais que asolaron Portugal en setembro de 2024, e pode abarcar as catástrofes naturais que ocorreron desde o 1 de xaneiro de 2024.

A proposta forma parte dunha resposta máis ampla da UE que ofrece aos Estados membros a posibilidade de recibir apoio tras as catástrofes climáticas tanto no que se refire á axuda inmediata de socorro en caso de crise, a través do Mecanismo de Protección Civil da Unión Europea, como á reconstrución e ao desenvolvemento da resiliencia a longo prazo, a través do Fondo de Solidariedade da Unión Europea, a reserva agrícola e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, entre outros.

Durante a súa visita a Polonia o 19 de setembro de 2024, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, anunciou a posibilidade de que se utilizasen os fondos da política de cohesión para axudar a reparar os danos causados polas inundacións.

A política de cohesión é a maior fonte de financiamento da UE e axuda ás rexións da Unión a previr e abordar os riscos de catástrofes relacionadas co clima e a prepararse ante eles. Para o período de programación 2021-2027, os fondos da política de cohesión (que inclúen o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e os programas Interreg), o Fondo de Cohesión, o Fondo Social Europeo Plus e o Fondo de Transición Xusta) xa proporcionan 14 000 millóns EUR de financiamento da UE para axudar aos Estados membros a previr e xestionar os riscos relacionados co clima.

O Fondo de Solidariedade da Unión Europea (FSUE) é outro instrumento clave da UE para apoiar a recuperación tras unha catástrofe. Desde 2002, a axuda do FSUE mobilizouse como testemuño de solidariedade, ofrecendo axuda aos Estados membros da UE e aos países que negocian a súa adhesión á UE que se enfrontan a catástrofes naturais e emerxencias graves de saúde pública. Dada a crecente frecuencia e intensidade das catástrofes naturais, a Comisión obtivo un reforzo do orzamento anual do FSUE na recente revisión do marco financeiro plurianual. O orzamento anual asignado ao FSUE entre 2024 e 2027 ascende agora a uns 1 100 millóns EUR.

No marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), os Estados membros comprometéronse a achegar preto de 9 000 millóns EUR nos seus plans de recuperación e resiliencia para financiar medidas relacionadas coa preparación ante catástrofes naturais, o que inclúe reformas e investimentos que aborden a adaptación e a prevención dos riscos relacionados co cambio climático, como inundacións, incendios, tormentas e secas.

Ademais, os plans estratéxicos da política agrícola común (PAC) para o período 2023-2027 apoian investimentos destinados a restablecer o potencial agrícola ou forestal tras catástrofes naturais, fenómenos climáticos adversos ou calquera outro tipo de catástrofes, o cal inclúe medidas que contribúen á mitigación do cambio climático e á adaptación a este, cun orzamento de 93 000 millóns EUR entre 2023 e 2027.

A PAC para o período 2023-2027 tamén inclúe unha reserva agrícola de polo menos 450 millóns EUR ao ano para axudar aos agricultores a facer fronte a perturbacións do mercado ou acontecementos excepcionais que afecten á produción ou á distribución agrícola. Nos últimos anos, despregouse en numerosas ocasións a Reserva para apoiar directamente aos agricultores afectados por fenómenos climáticos adversos excepcionais.

As medidas de hoxe, combinadas cos recursos existentes dispoñibles, garantirán que os Estados membros poidan reconstruír utilizando o enfoque de «reconstruír para mellorar», é dicir, construír sociedades máis sostibles, resilientes e inclusivas no futuro.

 

Fonte: Comisión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data