Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » A Comisión acolle o acordo sobre obxectivos para reducir as emisións de CO2 dos camións e autobuses urbanos novos

A Comisión acolle o acordo sobre obxectivos para reducir as emisións de CO2 dos camións e autobuses urbanos novos

18/01/2024 |

— O Parlamento Europeo e o Consello chegaron a un acordo político provisional polo que se reforzan as normas sobre emisións de CO2 para os vehículos pesados novos que entren no mercado da UE a partir de 2030.

— O Regulamento establecerá novos e ambiciosos obxectivos de redución das emisións de CO2 para 2030, 2035 e 2040.

Bruxelas, 18 de xaneiro de 2023.  As novas normas sobre emisións garantirán que este segmento do sector do transporte por estrada contribúa á transición cara unha mobilidade sen emisións,  ás ambicións climáticas da UE para 2030 e á neutralidade climática de aquí a 2050.

Obxectivos ambiciosos e un ámbito de aplicación máis amplo

O acordo alcanzado establece obxectivos de redución das emisións de CO2 para os vehículos pesados do 45% para 2030-2034, do 65% para 2035-2039 e do 90% a partir de 2040, en comparación cos niveis de 2019. O ámbito de aplicación do Regulamento amplíase e estas normas aplicaranse agora a case todos os camións (incluídos os vehículos profesionais, como camións de lixo, volantes ou formigoneiras a partir de 2035), autobuses urbanos, autobuses de longa distancia e remolques. Tamén se establecen obxectivos de redución de emisións específicas para os remolques (7,5%) e os semirremolques (10%), a partir de 2030.

Para acelerar a transición cara a un transporte público sen emisións en toda Europa, os novos autobuses urbanos deben reducir as emisións nun 90% a partir de 2030. Todos os autobuses urbanos novos terán que ser de cero emisións de aquí a 2035.

No marco do acordo provisional, a Comisión revisará a eficacia e o impacto do Regulamento como moi tarde en 2027. Esta revisión abarcará a ampliación do ámbito de aplicación aos camións pequenos, unha metodoloxía para o rexistro de vehículos pesados que funcionan exclusivamente con combustibles neutros en CO2, de conformidade coa lexislación da UE e os obxectivos de neutralidade climática, o papel dun factor de corrección do carbono na transición cara a vehículos pesados de cero emisións e unha metodoloxía para a determinación das emisións de CO2 durante todo o ciclo de vida dos vehículos pesados novos.

O acordo alcanzado envía outro sinal claro aos fabricantes, operadores de transporte e usuarios para orientar os investimentos cara a tecnoloxías innovadoras de emisión cero e impulsar o despregamento de infraestruturas de recarga e reposición.

Próximas etapas

O Parlamento Europeo e o Consello deben agora aprobar formalmente o acordo. Unha vez finalizado este proceso, a nova lexislación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea e entrará en vigor.

Antecedentes

A Comisión propuxo o proxecto de Regulamento en febreiro de 2023 para establecer normas de CO2 para os vehículos pesados a partir de 2030, a fin de contribuír a alcanzar o obxectivo de neutralidade climática da UE de aquí a 2050 e reducir a demanda de combustibles fósiis importados.

Os vehículos pesados son responsables de máis do 25% das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes do transporte por estrada na UE e representan máis do 6% das emisións totais de GEI da UE.

Máis información: Comisión Europea

Noticia FGE: Proposta de redución de emisións dos vehículos pesados

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data