Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Cidadanía europea » Comezan os paneis cidadáns da Conferencia sobre o futuro de Europa

Comezan os paneis cidadáns da Conferencia sobre o futuro de Europa

21/09/2021 |

  • Este primeiro panel, celebrado entre o 17 e 19 de setembro, tratou sobre Unha economía máis forte, xustiza social e emprego; educación, cultura, xuventude e deporte en Europa; e transformación dixital
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021. A semana pasada tivo lugar a primeira reunión dos catro paneis cidadáns previstos no marco da Conferencia sobre o futuro de Europa. Este primeiro panel, que tamén se retransmitiu en liña, celebrouse entre o 17 e 19 de setembro, tratou sobre unha economía máis forte, xustiza social e emprego; educación, cultura, xuventude e deporte en Europa; e transformación dixital. Ademais, as persoas que forman parte dos paneis poderán propoñer outros temas, debidamente motivados, e contarán con expertos independentes nas áreas que se abordan. 
 
Os paneis formularán as súas recomendacións a partir das ideas recollidas nos eventos organizados por toda a Unión Europea e na plataforma da Conferencia, comezando polo seu primeiro informe intermedio. Despois, estas contribucións debateranse no pleno da Conferencia, que á súa vez está conformado por representantes das institucións europeas, parlamentos nacionais e a cidadanía europea. Para esta fin, ao pleno acudirán 20 representantes de cada panel para presentar as conclusións e resultados do seu traballo
 
Todas as aportacións serán recollidas no Informe final da Conferencia, que será elaborado polo Comité Executivo na primavera de 2022. 
 
PRÓXIMAS SESIÓNS
 
Entre o 17 de setembro e o 17 de outubro celebraranse as primeiras sesións dos catro paneis establecidos no marco da Conferencia sobre o futuro de Europa. A segunda sesión deste primeiro panel terá lugar entre os días 5 e 7 de novembro e a derradeira entre o 3 e 5 de decembro
 
Con respecto ao resto de paneis, o calendario está establecido da seguinte maneira:
  • PANEL 2: Democracia europea, valores e dereitos, Estado de Dereito e seguridade. A primeira sesión celebrarase entre o 24 e 26 de setembro, a segunda entre o 12 e 14 de novembro e a última entre o 10 e 12 de decembro.
  • PANEL 3: Cambio climático, medio ambiente e saúde. A primeira sesión celebrarase entre o 1 e 3 de outubro, a segunda entre o 19 e 21 de novembro e a última entre o 7 e 9 de xaneiro.
  • PANEL 4: A UE no mundo e migración. A primeira sesión terá lugar entre o 15 e 17 de outubro, a segunda entre o 26 e 28 de novembro e a última entre o 14 e 16 de xaneiro. 
Consulta aquí o calendario completo. 
 
CONTEXTO
 
Conferencia sobre o futuro de Europa é un foro de debate que ten como obxectivo dar á cidadanía a oportunidade de definir como será a Unión Europea do futuro, participando activamente na formulación de propostas e no re-deseño das políticas comunitarias.
 
A este respecto, os paneis cidadáns son o elemento central e máis innovador da Conferencia, ao definirse como espazos de debate e presentación de propostas por parte da cidadanía. Estarán compostos por 200 persoas seleccionadas de maneira aleatoria e, ademais de ser paritarios, un terzo estará composto por mozas e mozos de entre 16 e 25 anos.
 
MÁIS INFORMACIÓN
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas