Actualidade

Portada » Actualidade » Galicia reivindica no Comité das Rexións a necesidade de afrontar a inmigración irregular dende o marco europeo

Galicia reivindica no Comité das Rexións a necesidade de afrontar a inmigración irregular dende o marco europeo

24/09/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nunha sesión da comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se aprobou un ditame sobre o papel das rexións e das cidades na estratexia comunitaria con África

— Jesús Gamallo interveu na asignación dun ditame sobre o Estado de Dereito e no debate sobre a creación de novos foros de diálogo entre o CdR e os entes locais e rexionais dos países que aspiran a formar parte da UE

Bruxelas, 24 de setembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión deste martes da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Entre outras cuestións, aprobouse un ditame sobre o papel das rexións e das cidades na estratexia da UE con África.

Galicia e outras rexións concordaron nos beneficios de cooperar con este continente, pero reclamaron a descentralización desta tarefa para mellorar a súa eficacia. En concreto, apostaron por instrumentos de financiamento inclusivos que apoien ás autoridades locais africanas e por unha arquitectura institucional que fomente esta cooperación descentralizada.

O CdR censura os acordos migratorios con países non democráticos e propón visados profesionais para fomentar a migración legal

Sobre a cuestión da migración, o CdR censura os acordos con países non democráticos para frear os fluxos migratorios e propón, pola contra, a creación de visados para profesionais internacionais e fomentar, así, a migración legal no marco da UE. Con todo, Galicia e outras rexións europeas coinciden en que esta fórmula non é a única que debe empregarse para abordar o reto demográfico.

Na sesión de hoxe tamén se debateu sobre o papel dos entes locais e rexionais para promover os valores comunitarios. Como gobernos máis próximos aos cidadáns e nos que máis confían, o seu labor, defenden, debe ser impulsar a alfabetización mediática e o pensamento crítico entre a poboación para protexer a democracia europea.

Á marxe destas cuestións, Jesús Gamallo interveu na asignación dun futuro ditame sobre o Estado de Dereito e no debate interno en relación coa creación de novos foros de diálogo entre o CdR e os entes locais e rexionais dos países candidatos á adhesión. Propuxo, en concreto, a creación de Comités Conxuntos Consultivos con Albania, Ucraína e Moldava, mentres se manterían os grupos de traballo con Bosnia e Herzegovina, Kosovo, Armenia e Azerbaixán.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do CdR

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria, e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia europea.

Fundación Galicia Europa

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data