Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea »A Cidade da Cultura acolle unhas xornadas de traballo para promocionar a diversidade lingüística en Europa
— O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na apertura da asemblea xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), que se desenvolveu no Gaiás.
— O conselleiro destacou que Compostela é “unha cidade símbolo como moi poucas do carácter multilingüe de todas as sociedades humanas”.
— A conferencia da NPLD tratou do impacto das tecnoloxías da linguaxe, e puxo o peche cunha visita cultural por Padrón e Cambados.
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024. A Cidade da Cultura reuniu estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Foi durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na Unión Europea. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, actúa como anfitrioa nos eventos deste 2024.
Na apertura oficial da asemblea participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que animou aos preto de 70 participantes de toda Europa congregados no Gaiás a percorrer as rúas de Santiago, “unha cidade que é símbolo como moi poucas do carácter multilingüe de todas as sociedades humanas”.
Nesta primeira xornada trataronse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaronse varios informes, pero tamén se puxeron sobre a mesa novas propostas e medidas para continuar no camiño da promoción da diversidade lingüística en Europa.
Para rematar este primeiro día, as persoas asistentes trasladaronse ata o centro da cidade, onde puideron gozar dunha ruta polos lugares máis emblemáticos que concluíu cunha visita ao Concello de Santiago.
As tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico
Na segunda xornada tivo lugar a conferencia anual da NPLD titulada “O Impacto das tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico”. O relatorio principal versou sobre o Proxecto Nós, que impulsa a Xunta de Galicia e executa tecnicamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de introducir de pleno a lingua galega no mundo da Intelixencia Artificial. A exposición estivo a cargo de Senén Barro e Elisa Fernández Rei, director e directora do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega (ILG), respectivamente.
Estes dous días de convivencia pecháronse cunha visita cultural por Padrón, que incluíu as Fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro, e Cambados.
Promoción da diversidade lingüística
A NPLD é unha organización de ámbito europeo que nace no 2008 para impulsar a cooperación e o intercambio mutuo de experiencias entre os seus socios, favorecer a promoción da diversidade lingüística na Unión Europea e servir de grupo de presión en materia de política lingüística nas institucións europeas.
Na actualidade está composta por 39 membros entre os que se inclúen institucións académicas, organismos gobernamentais e colectivos sociais dedicados á promoción social, o estudo e o ensino de linguas minoritarias de Europa.
Máis información: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia