Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia e outras rexións europeas avalían a dimensión rexional da loita contra o tráfico de drogas

Galicia e outras rexións europeas avalían a dimensión rexional da loita contra o tráfico de drogas

06/02/2024 |

— O Goberno galego reivindicou na comisión CIVEX do CdR o papel das rexións e cidades na labor de prevención no marco da loita contra o tráfico de drogas. 

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE tamén informou sobre o foro internacional ‘Cidades e rexións pola cooperación internacional’, no que participou o pasado mes de decembro.

Bruxelas, 6 de febreiro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas no último encontro da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nun dos intercambios de puntos de vista celebrados en torno a novos ditames, os membros debateron sobre a nova folla de ruta para a loita contra o tráfico de drogas, adoptada pola Comisión Europea en outubro de 2023 para intensificar os esforzos da UE neste eido.

No debate avaliouse o papel das autoridades rexionais e locais na mitigación dos efectos negativos do tráfico de drogas, especialmente no plano da prevención. Neste sentido, a través das súas aportacións ao documento de traballo do ditame, a Xunta puxo o foco no ámbito escolar, apostando por campañas de información destinadas tanto aos mozos como aos seus familiares e docentes. Ademais, os asistentes subliñaron a importancia da cooperación entre os actores competentes a todos os niveis, tanto a escala nacional como no marco comunitario.

Galicia aposta pola cooperación descentralizada

Comisión CIVEX sobre a loita contra o tráfico de drogas

Tamén nesta última comisión CIVEX, o director xeral interveu para compartir a súa valoración da oitava edición do foro internacional ‘Cidades e rexións pola cooperación internacional’. Celebrada o pasado mes de decembro, contou coa súa participación na sesión de clausura en calidade de representante do CdR.

Na súa intervención, Jesús Gamallo destacou o traballo desenvolvido nas 25 mesas de debate celebradas ao longo do foro. Finalmente, pechou cunhas conclusións nas que subliñou a importancia da cooperación descentralizada e da Global Gateway, a estratexia europea que pretende mobilizar 300.000 millóns de euros para colmar o déficit de financiamento dos ODS mediante a creación de vínculos a nivel global que impulsen o investimento en infraestruturas sostibles e de calidade.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a reforzar a democracia europea.

Na reunión da CIVEX celebrada hoxe tamén tivo lugar a aprobación de dous ditames sobre a situación da política de ampliación, un intercambio de puntos de vista sobre a subsidariedade activa e un debate exploratorio sobre o Paquete de Defensa da Democracia.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data