Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Educación e cultura » Cara unha educación superior máis inclusiva,sostible e resiliente baseada na cooperación transnacional

Cara unha educación superior máis inclusiva,sostible e resiliente baseada na cooperación transnacional

10/02/2022 |

—O pasado 18 de xaneiro, a Comisión Europea adoptou dúas novas iniciativas no eido da educación superior: a Estratexia Europea para as Universidades e unha proposta de Recomendación do Consello sobre a construción de pontes para unha cooperación europea eficaz en materia de educación superior.

— O obxectivo destas iniciativas é dar apoio ás universidades europeas para que sexan capaces de adaptarse ás condicións cambiantes en Europa e contribúan a facer unha Unión Europea máis inclusiva, verde e dixital. 

 

 

Bruxelas, 10 de febreiro de 2022. – As dúas novas iniciativas adoptadas pola Comisión Europea, unha Estratexia Europea para as Universidades e unha proposta de Recomendación do Consello sobre a construción de pontes para unha cooperación europea eficaz en materia de educación superior, apoiarán ás universidades en configurar unhas economías e unha Europa sostibles e resilientes.

 

A Estratexia Europea para as Universidades

Esta estratexia ten por obxecto apoiar a todas as universidades de Europa e permitir que se adapten ás condicións cambiantes, que prosperen e que contribúan á resiliencia e a recuperación de Europa. Propón un conxunto de medidas importantes para prestar o seu apoio ás universidades europeas na consecución de catro obxectivos:

  • O reforzo da dimensión europea da educación superior e a investigación.
  • A consolidación das universidades como principais puntos de promoción do Modo de Vida Europeo a través de medidas de apoio que se centren nas carreiras académicas e de investigación, a calidade e a pertinencia das capacidades con garantía de futuro, a diversidade, a inclusión, as prácticas democráticas, os dereitos fundamentais e os valores académicos.
  • A capacitación das universidades como axentes clave do cambio na dobre transición ecolóxica e dixital.
  • O impulso ás universidades como motores do papel e o liderado mundial da UE.

 

Construción de pontes para unha cooperación europea eficaz en materia de educación superior.

A proposta feita pola Comisión Europea para se converter nunha Recomendación do Consello pretende que as institucións europeas de ensino superior cooperen de maneira máis estreita e profunda, ben sexa aplicando programas e actividades educativas transnacionais conxuntas, poñendo en común capacidades e recursos, ou concedendo titulacións conxuntas. Constitúe unha invitación aos Estados membros para que adopten medidas e creen as condicións adecuadas a nivel nacional co fin de facilitar unha cooperación transnacional máis estreita e sostible, así como unha aplicación máis eficaz das actividades conxuntas de educación e investigación e das ferramentas do Espazo Europeo do Ensino Superior (Bolonia). Facilitará a circulación de coñecementos e construirá un forte vínculo entre a educación, a investigación e as comunidades industriais no sector da innovación. O obxectivo perseguido é, en particular, axudar a garantir que todo o mundo teña acceso a oportunidades de aprendizaxe permanente e de calidade, e dar importancia ás capacidades e competencias esenciais para responder as demandas económicas e sociais actuais.

 

Pasar das palabras á acción

Para mediados de 2024, a dimensión europea da educación superior e a investigación verase impulsada por catro iniciativas emblemáticas:

  • Ampliar a sesenta o numero de ”universidades europeas” compostas por máis de cincocentas institucións de educación superior, cun orzamento Erasmus+ de 1 100 millóns de euros para o período 21-27. Con iso preténdese desenvolver e establecer unha cooperación estrutural, sostible e sistémica común a longo prazo en materia de educación, investigación e innovación, creando campus interuniversitarios europeos nos que estudantes, persoal e investigadores de toda Europa poidan beneficiarse dunha mobilidade eficiente entre diferentes países e disciplinas.
  • Traballar a favor dun estatuto xurídico para as alianzas de institucións de educación superior que lles permita poñer en común os seus recursos, as súas capacidades e os seus puntos fortes e que conte cun proxecto piloto Erasmus+ a partir de 2022.
  • Traballar en pos dun título europeo conxunto para recoñecer o valor das experiencias transnacionais nas cualificacións de educación superior que obteñen os estudantes e reducir a burocracia para a realización de programas conxuntos.
  • Impulsar a iniciativa relativa ao carné europeo de estudante, mediante o despregamento dun identificador único de estudante europeo dispoñible para todos os estudantes que se desprazan en 2022 e para todos os estudantes de universidades europeas para 2024, co fin de facilitar a mobilidade a todos os niveis.

 

Próximas etapas

A Comisión convida o Consello, aos Estados membros e ás universidades para debater sobre este programa político e a traballar conxuntamente en favor da preparación das universidades para o futuro. Os Estados membros debaterán a proposta da Comisión relativa a unha Recomendación do Consello sobre a construción de pontes para unha cooperación europea eficaz en materia de educación superior. Unha vez que o Consello a haxa adoptado, a Comisión apoiará aos Estados membros e aos socios pertinentes na aplicación desta Recomendación do Consello.

 

Contexto

A Comisión anunciou a súa intención de iniciar a creación conxunta dunha axenda de transformación para a educación superior na súa Comunicación relativa á consecución do Espazo Europeo de Educación de aquí a 2025 e na súa Comunicación sobre o novo Espazo Europeo de Investigación (EEI), ambas publicadas no outono de 2020. A axenda política do EEI, adxunta ás Conclusións do Consello sobre o futuro da gobernanza do Espazo Europeo de Investigación, apoia medidas pertinentes para as universidades, incluída a relativa á capacitación das institucións de educación superior para o seu desenvolvemento en consonancia co Espazo Europeo de Investigación e en sinerxía co Espazo Europeo de Educación.

 

Máis información: 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data