Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Educación e cultura »
Camiños cara ao éxito escolar: A Comisión presenta medidas concretas para mellorar os resultados educativos
— A Comisión publicou hoxe unha proposta de Recomendación do Consejo sobre os «Camiños cara ao éxito escolar», mediante a cal establece un conxunto de medidas estratéxicas concretas para facer fronte ao abandono escolar prematuro e ao baixo rendemento en capacidades básicas dos mozos de quince anos.
— Estas medidas abordan as necesidades do alumnado, do profesorado e do persoal de formación, así como das escolas e dos sistemas educativos. Abarcan o seguimento, a prevención, a intervención e a compensación, pero céntranse especialmente na prevención e a intervención temperá.
Bruselas, 30 de xuño de 2022 – A Comisión publicou hoxe unha proposta de Recomendación do Consejo sobre os «Camiños cara ao éxito escolar», mediante a cal establece un conxunto de medidas estratéxicas concretas para facer fronte ao abandono escolar prematuro e ao baixo rendemento en capacidades básicas (lectura, matemáticas e ciencias) dos mozos de quince anos, especialmente os que proceden de contornas desfavorecidas. Estas medidas abordan as necesidades do alumnado, do profesorado e do persoal de formación, así como das escolas e dos sistemas educativos. Abarcan o seguimento, a prevención, a intervención e a compensación, pero céntranse especialmente na prevención e a intervención temperá. A proposta tamén pide que se preste máis atención ao benestar na escola, que ten un forte impacto nos resultados educativos e é unha compoñente clave para o éxito escolar.
O vicepresidente para a Promoción do noso Modo de Vida Europeo, Margaritis Schinas, declarou: «A educación e o coñecemento sintan as bases do noso desenvolvemento futuro. Ofrecer unha educación sólida a todos os alumnos da Unión, sen excepcións, é esencial e require compromiso e paixón. A Recomendación sobre os «Camiños cara ao éxito escolar» é unha mostra do noso compromiso e de que faremos todo o que estea nas nosas mans para apoiar aos Estados membros, ao profesorado e ao alumnado no seu camiño cara ao coñecemento».
A comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Mariya Gabriel, sinalou: «É noso deber garantir que todos os alumnos teñan a posibilidade de desarrolar o seu máximo potencial, independentemente da súa contorna económica ou da súa situación persoal. Con todo, estes seguen sendo os principais factores que determinan o rendemento escolar dos alumnos. Cos Camiños cara ao éxito escolar, presentamos medidas concretas para ofrecer a todos os mozos europeos unha oportunidade real de ter éxito na escola».
Os sistemas escolares europeos pasaron por situacións difíciles nos últimos anos, en particlar a pandemia de COVID-19. Na actualidade, máis de 3,2 millóns de mozos de entre dezaoito e vinte e catro anos abandonan prematuramente a educación e a formación na UE, e só o 84,3 % dos mozos de entre vinte e vinte e catro anos terminaron a segunda etapa de educación secundaria. Os resultados máis recentes do informe PISA de antes da pandemia (2018) xa revelaron que un de cada cinco novos europeos de quince anos carecía de competencias adecuadas de lectura, matemáticas ou ciencias. O informe PISA tamén mostrou que o sentimento de pertenza á escola dos alumnos estaba a diminuír e que o acoso e a ciberintimidación estaban moi estendidos. Desde entón, o peche de escolas e universidades debido á pandemia contribuíu a que tanto alumnos como estudantes sufran perdas significativas de aprendizaxe. As probas demostran que os alumnos cunha contorna socioeconómica desfavorecida son os que corren un maior risco de enfrontarse a ese tipo de problemas.
A Recomendación insta os Estados membros a aplicar a medida proposta para facer fronte a estes retos. A Comisión fomentará o cumprimento desta Recomendación a través da aprendizaxe e dos intercambios entre os Estados membros, as partes interesadas e os países socios. Un grupo de expertos especializado, creado como parte do Espazo Europeo de Educación, centrarase no benestar e a saúde mental na escola e traballará para sensibilizar á poboación sobre o tema. A Comisión potenciará as oportunidades de desenvolvemento profesional para o persoal educativo e outros socios mediante proxectos Erasmus+, intercambios de persoal e as Academias de Profesores Erasmus+, así como a través das plataformas en liña da UE, por exemplo, a nova Plataforma Europea de Educación Escolar e eTwinning. Pídese á UE e aos Estados membros que usen os fondos nacionais e da Unión (como Erasmus+, o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, o Fondo Social Europeo Plus, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Instrumento de Apoio Técnico, o Fondo de Migración e Integración) para investir en infraestruturas, formación, ferramentas e recursos que fomenten a inclusión, a igualdade e o benestar na educación.
Próximas etapas
Os Estados membros debaterán a proposta da Comisión, que os ministros de Educación da UE adoptarán nunha segunda fase. Entón, a Comisión apoiará o cumprimento da Recomendación a través da aprendizaxe e dos intercambios entre os Estados membros, as partes interesadas e os países socios.
Contexto
Para preparar a proposta, a Comisión realizou numerosas consultas sobre a situación actual da educación inclusiva e do abandono escolar prematuro. En 2019 publicouse unha avaliación independente sobre o cumprimento da Recomendación do Consello de 2011. O estudo abarcou trinta e sete países, tanto da UE como terceiros países. Tamén se recolleron opinións a partir dunha consulta pública aberta sobre a nova iniciativa, que estivo dispoñible durante catorce semanas, do 24 de xuño ao 30 de setembro de 2021, así como a partir dos debates nas reunións dos directores xerais dos centros educativos e dunha serie de talleres específicos en liña entre maio e setembro de 2021 con representantes do ministerio, organizacións de partes interesadas e profesionais expertos.
A Recomendación proposta derrogará e substituirá a Recomendación do Consello de 2011 relativa ás políticas para reducir o abandono escolar prematuro.
Un informe da Comisión, que tamén se presenta hoxe, analiza os «Impactos da Covid-19 na educación escolar». Baséase nunha revisión bibliográfica de diversos estudos que analizan a incidencia da pandemia no benestar, o rendemento escolar e as posibles perdas a longo prazo. Así mesmo, examina as medidas correctoras que adoptaron os Estados membros para contrarrestar as consecuencias negativas derivadas da interrupción da actividade lectiva. Segundo as probas máis recentes, estas medidas correctoras poden ter efectos positivos. Debe animarse aos Estados membros a continuar promovendo este tipo de accións, reformas e investimentos.
A Comisión e os Estados membros traballan xuntos para alcanzar a súa visión colectiva dun Espazo Europeo de Educación de aquí a 2025, que poñerá ao dispor de todos os cidadáns unha educación e unha formación de alta calidade.
Máis información: Comisión Europea