Actualidade

Portada » GL Europe Direct Galicia » A campaña da UE para defender a democracia e os valores europeos

A campaña da UE para defender a democracia e os valores europeos

01/07/2026 |

— A iniciativa da Comisión Europea anima a participar na vida democrática e lembra a importancia de protexer os dereitos, as liberdades e os valores fundamentais da Unión Europea

Bruxelas, 1 de xullo de 2026. A Comisión Europea puxo en marcha o 9 de maio, Día de Europa, a campaña “Protexamos o que importa: a nosa democracia”, unha iniciativa destinada a concienciar a cidadanía, especialmente á mocidade, sobre a importancia de participar activamente na vida democrática e defender os valores fundamentais da Unión Europea.

A campaña lembra que moitos dos dereitos e liberdades dos que gozan hoxe os europeos non sempre estiveron garantidos, senón que foron conquistados e protexidos ao longo de xeracións. Nun contexto no que os principios democráticos afrontan novas ameazas, a Comisión insiste en que a defensa da democracia require o compromiso de toda a cidadanía.

A iniciativa anima aos europeos a utilizar as ferramentas de participación que ofrece a Unión Europea, como votar nas eleccións locais, rexionais, nacionais e europeas, impulsar iniciativas cidadás, participar nas consultas públicas, presentar peticións ás institucións europeas ou implicarse en iniciativas de voluntariado.

A campaña tamén destaca o papel da Unión Europea na protección do Estado de Dereito, considerado un dos valores fundamentais do proxecto europeo, e lembra as medidas impulsadas para reforzar a resiliencia democrática, como o Escudo Europeo para a Democracia, orientado a protexer a integridade dos procesos electorais, apoiar os medios de comunicación independentes, combater as inxerencias estranxeiras e fortalecer as institucións democráticas.

Baixo a mensaxe Valóraa. Dálle forma. Protéxea, a Comisión subliña que a democracia depende dunha cidadanía activa e lembra que cada persoa pode contribuír a construír o futuro da Unión Europea mediante a súa participación na vida pública.

Máis información: Protexe o que importa

© European Union, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data