Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Educación e cultura » A Comisión lanza unha nova Brúxula da Cultura para Europa

A Comisión lanza unha nova Brúxula da Cultura para Europa

12/11/2025 |

— Esta medida busca configurar a política cultural da UE co fin de garantir que a cultura desempeñe un papel central no fomento da identidade europea, a celebración da diversidade e a promoción da excelencia

Bruxelas, 12 de novembro de 2025. A Comisión Europea presentou hoxe a súa visión dun panorama cultural europeo dinámico e integrado coa posta en marcha da Brúxula da Cultura para Europa. Este marco prospectivo está deseñado para configurar a política cultural da UE, co fin de garantir que a cultura desempeñe un papel central no fomento da identidade europea, a celebración da diversidade e a promoción da excelencia.

En tempos de incerteza e cambio, a cultura reforza a nosa democracia, a cohesión social, a competitividade e a resiliencia. Isto concorda co último Eurobarómetro sobre cultura, que mostra que o 87 % das persoas enquisadas considera que a cultura e o patrimonio cultural deben ocupar un lugar moi importante na Unión, de xeito que a cidadanía se sinta máis europea.

Europa para a Cultura, a Cultura para Europa

En resposta a isto, a Brúxula ten por obxectivo aproveitar os beneficios da cultura, en particular promovendo os activos culturais de Europa e abordando os principais impedimentos que dificultan o desenvolvemento das industrias culturais e creativas. Entre eses impedimentos figuran as restricións á expresión artística, a precariedade dos medios de vida dos artistas, a desigualdade de oportunidades para a participación cultural e o impacto transformador da intelixencia artificial nestes sectores.

A Brúxula da Cultura guiará as políticas da UE en catro direccións clave, para lograr unha UE que: defenda e reforce os valores e os dereitos culturais europeos; empodere os artistas e os profesionais da cultura e apoie ás persoas; faga uso da cultura e do patrimonio cultural para sermos máis competitivos, resilientes e estarmos máis cohesionados; e avogue polas relacións e asociacións culturais internacionais.

As ambicións e a responsabilidade política da Brúxula sustentaranse nunha proposta da Comisión ao Parlamento Europeo e ao Consello dun proxecto de Declaración conxunta entre o Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión. Un novo informe sobre a situación da cultura na UE fará un seguimento dos avances no ecosistema cultural e creativo, facendo especial fincapé na liberdade artística.

Ademais, poñeranse en marcha varias iniciativas novas. Entre elas, unha nova Carta dos Artistas da UE, para acadar condicións de traballo xustas para os artistas e os traballadores culturais, un Premio Europeo de Artes Escénicas e un diálogo coas partes interesadas do ámbito cultural. Tamén está previsto crear un centro de datos culturais da UE e unha rede de mozos embaixadores culturais para mellorar o acceso da mocidade á cultura a través dun marco voluntario de pases nacionais de cultura e patrimonio cultural. Tamén se prevé unha estratexia de uso da intelixencia artificial para os sectores cultural e creativo e unha actualización da Estratexia da UE en materia de Relacións Culturais Internacionais.

Próximas etapas

A Comisión convida ao Parlamento Europeo e ao Consello a asinar conxuntamente o proxecto de Declaración conxunta proposto para reforzar o compromiso político da UE de acadar a súa visión da cultura.

Fonte: Comisión Europea

Preguntas e respostas 

© European Union, 2025

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data