Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima »Bruxelas reforza a independencia enerxética da UE
— A UE aposta pola enerxía limpa e o investimento para reducir custos e dependencia exterior
Bruxelas, 10 de marzo de 2026. A Comisión Europea presentou novas iniciativas para impulsar o investimento en enerxía limpa producida na propia UE, reforzar a resiliencia do sistema enerxético e reducir os prezos da enerxía. Estas medidas enmárcanse no Informe sobre o estado da Unión da Enerxía de 2025, que confirma que a UE avanza cara aos seus obxectivos climáticos e enerxéticos para 2030.
O contexto xeopolítico actual puxo de manifesto a vulnerabilidade derivada da dependencia dos combustibles fósiles importados. Ante a preocupación da cidadanía e da industria polos elevados prezos da enerxía, a Comisión subliña que as fontes limpas son as máis accesibles e seguras, e a mellor solución a medio prazo para reducir a volatilidade dos prezos.
Para aproveitar plenamente o potencial enerxético europeo, será necesario transformar profundamente os sistemas e infraestruturas. Neste sentido, a Estratexia de Investimento en Enerxías Limpas busca mobilizar financiamento privado e reducir os riscos dos proxectos, apoiando investimentos en redes eléctricas, tecnoloxías innovadoras e eficiencia enerxética.
A Comisión aplicará esta estratexia en colaboración co Grupo do Banco Europeo de Investimentos, que prevé mobilizar máis de 75.000 millóns de euros nos próximos tres anos para apoiar a transición enerxética. Ademais, destinaranse ata 500 millóns de euros ao Fondo de Investimento en Infraestruturas Estratéxicas, co obxectivo de impulsar proxectos clave no ámbito das redes eléctricas.
Enerxía máis accesible para a cidadanía
A redución do custo da enerxía é esencial para mellorar a competitividade e apoiar á industria europea. A Comisión aposta tamén por un sistema enerxético centrado nas persoas, que garanta prezos máis accesibles e protexa aos consumidores máis vulnerables.
A través dun novo paquete enerxético para a cidadanía, propóñense medidas para reducir as facturas, facilitar a produción e o intercambio de enerxía limpa por parte dos propios consumidores e combater a pobreza enerxética. Entre outras accións, inclúese a posibilidade de cambiar de provedor con maior rapidez, reducir impostos e mellorar a transparencia das facturas.
Reforzo da autonomía estratéxica
As tecnoloxías enerxéticas limpas producidas na UE serán clave para garantir un subministro fiable e accesible, así como para consolidar o liderado europeo nas tecnoloxías de cero emisións. Neste contexto, a Comisión aposta por fortalecer as cadeas de subministración europeas e reducir a dependencia das importacións.
A estratexia tamén contempla o impulso dos reactores modulares pequenos, que poderían comezar a operar a principios da década de 2030 nos Estados membros que opten por esta tecnoloxía. Para apoiar o seu desenvolvemento, prevese mobilizar financiamento adicional a través de instrumentos como InvestEU e o Fondo de Innovación.
Estas medidas contribúen ao Plan de Acción para unha Enerxía Accesible, co obxectivo de reforzar a competitividade europea, reducir a dependencia enerxética e garantir prezos máis asumibles para os fogares. A Comisión prevé presentar novas iniciativas nos vindeiros meses.
Máis información: Comisión Europea
© European Union