- O encontro vai dirixido a representantes da industria e das rexións comunitarias que teñan en marcha estratexias de especialización intelixente neses sectores
- O prazo para rexistrarse no evento remata o 8 de marzo
Bruxelas, 24 de febreiro de 2016. As industrias culturais e creativas do espazo comunitario están chamadas a participar o vindeiro 10 de marzo en Bruxelas nun seminario especializado sobre as oportunidades de financiamento europeo para o sector. Ao encontro, que se celebrará entre as 14:00 e as 17:30 horas e está organizado pola Comisión Europea, tamén están convidados os representantes das rexións que estean desenvolvendo estratexias de especialización intelixente ou outras medidas aplicadas ás industrias creativas e ao sector téxtil. O prazo para rexistrarse no evento está aberto até o vindeiro 8 de marzo.
No seminario exporanse as ferramentas de participación no Fondo Europeo para o Investimento Estratéxico (EFSI), así como en programas como o Erasmus+, Creative Europe ou COSME. Están presentes, entre outros, Sławomir Tokarski, director comunitario de Innovación e Harald Gruber, en representación do Banco Europeo de Investimentos. A visión da industria ocupará un lugar central e durante o acto presentaranse diversos proxectos, como o EURATEX ou o St’art Invest.
A creación cultural e a moda xogan unha importante baza na promoción do crecemento intelixente, sustentable e integrador que busca a UE dentro da estratexia Europa 2020. Á cabeza da innovación en moitas rexións europeas e cun impacto positivo noutras industrias veciñas, o sector contribúe a xerar emprego de calidade na UE pero debe afrontar tamén desafíos vinculados á competición a escala mundial, entre eles os problemas de financiamento e de coordinación.