Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Bolsas FGE »
Os novos bolseiros da Fundación Galicia Europa comezan a súa formación en Bruxelas
— A través destas bolsas anuais, persoas tituladas galegas poden especializarse en temas europeos como o financiamento ou a elaboración de políticas e lexislación comunitaria.
— Durante os seus case 30 anos de funcionamento, a iniciativa beneficiou a máis de 500 persoas.
Bruxelas, 7 de setembro de 2023. A Fundación Galicia Europa (FGE), a representante da Xunta ante a Unión Europea, forma a cinco novos bolseiros na súa oficina de Bruxelas. Tras a súa incorporación o pasado luns, día 4 de setembro, recibiron hoxe a visita do director xeral de Relacións Exteriores coa UE, Jesús Gamallo.
Catro das persoas seleccionadas integraranse durante once meses no equipo da FGE para levar a cabo prácticas relacionadas co seguimento e información das políticas comunitarias e coa participación de Galicia nos asuntos europeos. A quinta bolseira, especializada no ámbito da I+D+i, realizará unhas prácticas de doce meses grazas a un acordo de colaboración subscrito coa Axencia Galega de Innovación.
Das cinco bolsas convocadas este ano, catro están dirixidas a titulados universitarios e unha a titulados superiores de formación profesional no ámbito da administración. As catro mozas e o mozo escollidos superaron un proceso de selección ao que se presentaron máis de 30 candidaturas, consistente nunha valoración de méritos e unha entrevista.
Trátase dunha iniciativa anual da Fundación Galicia Europa que lle permite á mocidade galega completar e enriquecer a súa formación no ámbito europeo. O seu obxectivo é facilitarlle a mobilidade e o acceso ao mercado laboral á poboación nova, ademais de darlle a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural.
Unha iniciativa de formación con case 30 anos de historia
Dende que a Fundación Galicia Europa puxo en marcha a iniciativa, hai case 30 anos, máis de 500 persoas se beneficiaron dalgunha das modalidades de bolsas ofertadas. Moitas delas traballan hoxe na administración comunitaria e en diversas entidades galegas especializadas na xestión de proxectos europeos.
Cómpre sinalar que a formación e sensibilización sobre Europa en Galicia é un dos catro grandes ámbitos de actuación da FGE, xunto coa defensa dos intereses galegos ante a Unión Europea, a promoción da participación en proxectos europeos e a información sobre a UE en Galicia.
Consulta neste enlace a resolución da adxudicación das bolsas.
Máis información: Fundación Galicia Europa