Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Bolsas FGE »Aberto o prazo de solicitude da bolsa de prácticas no ámbito da I+D+i na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas
— Este programa formativo ofrece a oportunidade de entrar en contacto cos asuntos europeos no ámbito da innovación e da investigación a través da realización de prácticas na oficina de Bruxelas da FGE.
— Dirixida a persoas cun título universitario, o seu prazo de solicitude finalizará o día 8 do vindeiro mes de xullo.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024. Tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia do día 7 de xuño, está aberto o período de presentación de solicitudes da bolsa para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación na oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa. A través deste programa de formación anual lanzado en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), a FGE potencia o coñecemento entre titulados universitarios sobre a I+D+i na Unión Europea dende unha perspectiva galega.
O prazo para que os interesados presenten as súas candidaturas estará aberto ata o luns día 8 de xullo. As solicitudes deben presentarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, que poderás atopar baixo o código PR770M.
O proceso de selección da bolsa
O proceso de selección comezará cunha fase de valoración de méritos na que se terán en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos e os idiomas, entre outros aspectos. No que respecta á titulación, son preferentes os estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura.
As primeiras persoas clasificadas pasarán a unha segunda fase, consistente nunha entrevista persoal. Nela valorarase o grao de coñecemento das institucións comunitarias, da política científica e tecnolóxica a nivel europeo, nacional e rexional, dos programas europeos do período 2021-2027 e da lingua inglesa.
A persoa seleccionada comezará no vindeiro mes de setembro un período de prácticas dun ano na oficina de Bruxelas da FGE. O orzamento total da bolsa, de 19 923,58 euros financiados por Gain, cobre as retribucións, a seguridade social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.
Contexto
O programa de bolsas é unha iniciativa enmarcada no compromiso coa formación e a sensibilización sobre a Unión Europea en Galicia da FGE, unha das súas catro áreas de actuación. Dende o seu lanzamento hai máis de tres décadas, máis de 500 bolseiros puideron coñecer de cerca as institucións e políticas europeas, así como o impacto destas na nosa rexión.
Esta nova convocatoria da bolsa de prácticas no eido da innovación e da investigación fruto da colaboración entre a FGE e Gain súmase á das outras catro bolsas de formación en asuntos europeos na oficina de Bruxelas da FGE, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro día 17 de xuño.
Máis información: Bolsas FGE