Boletín nº 70 | A UE marca as súas prioridades para o novo curso político

02/10/2026 |

Como cada ano, a volta do verán trae consigo unha importante cita institucional: o debate sobre o estado da Unión, a cargo da presidenta da Comisión Europea. Na súa intervención, Ursula von der Leyen presentou as prioridades e os principais proxectos para os próximos meses, coa competitividade, a seguridade e a autonomía estratéxica como eixes fundamentais.

Entre as novidades europeas, destacan tamén a futura EU Kids Act, que establecerá novos límites ao acceso dos menores ás redes sociais, e a entrada en vigor da reforma que moderniza as aduanas da UE e simplifica as importacións.

Galicia retoma igualmente a súa actividade no ámbito comunitario coa terceira reunión de EURegions4Cohesion co Parlamento Europeo, no marco das negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Ademais, xa están abertas as inscricións para a 25ª edición de TecEuropa, o curso de referencia sobre financiamento comunitario en Galicia.

Completamos este boletín cunha nova análise da FGE sobre a axenda “Unha Europa, Un Mercado”, acordada ao máis alto nivel a pasada primavera, coa que se están a poñer en marcha 42 medidas concretas para avanzar na competitividade da economía europea antes de finais de 2027. 

Como é habitual, incluímos tamén unha selección de consultas públicas nas que a cidadanía e as entidades galegas aínda poden participar. Tamén podes consultar as últimas convocatorias europeas no noso novo Boletín de Financiamento, ao que te invitamos a subscribirte.

Boa lectura! 

Estratexia "Dereito a Quedar"

© European Union, 2026