Boletín nº 67 | A UE fronte aos retos do despoboamento rural e a pobreza

20/05/2026 |

Este mes destacamos varias iniciativas europeas centradas na competitividade, a cohesión territorial e os desafíos sociais, nun contexto marcado pola transformación económica e industrial da Unión Europea. Entre elas, destaca a consulta pública aberta pola Comisión Europea para recoller propostas de cara á futura estratexia sobre o “Dereito a Quedar” nas rexións, prevista para o último trimestre deste ano, así como a avaliación da Política Pesqueira Común, na que Bruxelas alerta dos lentos avances na sustentabilidade pesqueira e dos novos retos económicos para o sector. Tamén abordamos a estratexia presentada pola UE para loitar contra a pobreza e favorecer a inclusión social das persoas con discapacidade.

No apartado de Galicia na UE, facemos balance da celebración do Día de Europa e dos 40 anos de financiamento europeo, cun acto institucional no que se puxo en valor o impacto dos fondos europeos na transformación de Galicia desde 1986. Sobre esta conmemoración, publicamos ademais un boletín especial dispoñible nesta ligazón.

Neste número salientamos tamén a análise da FGE sobre a Lei de Aceleración Industrial, impulsada pola Unión Europea co obxectivo de reforzar a competitividade da industria europea e recuperar peso manufactureiro na economía comunitaria.

Finalmente, lembramos que mañá, 21 de maio, remata o prazo de inscrición para a 24ª edición de TecEuropa, o curso sobre financiamento comunitario organizado pola Fundación Galicia Europa, que se celebrará en Bruxelas entre o 23 e o 25 de xuño.

Boa lectura!

Estratexia "Dereito a Quedar"

© European Union, 2026