Boletín nº 59 | A transformación da industria europea

09/06/2025 |

Ao tempo que trata de mobilizar todos os recursos posibles para impulsar o investimento en defensa, a UE continúa adiante co seu compromiso ambiental, como o demostran as novas directivas en materia de protección da biodiversidade en alta mar ou de vixilancia dos solos. Esta última pretende poñer fin á degradación que afecta ao 60% dos solos da UE, tendo en conta que estes son a base do 95 % dos alimentos, albergan máis do 25 % da biodiversidade e son o maior almacén terrestre de carbono. Establecerase, por tanto, un marco de vixilancia que obrigará aos Estados membros a avaliar o estado dos seus solos e a aplicar medidas para reverter a súa degradación. 

Por outro lado, en liña coa nova axenda de competitividade, a Comisión Europea trata de facilitar a entrada en vigor a finais de ano do regulamento que obrigará a demostrar que os produtos fabricados con madeira están libres de deforestación. Como novidade, as empresas poderán presentar as declaracións de forma anual en lugar de por cada lote comercializado. Con esta convicción de que a descarbonización pode converterse nun motor de crecemento para a industria europea, o Pacto por unha Industria Limpa establece un serio programa de traballo para guiar a transformación da industria. Na Análise FGE deste mes o analizamos.

E dende o punto de vista galego, a declaración institucional da Xunta de Galicia do 9 de maio avoga por unha Europa “que respecte a identidade dos seus territorios e que saiba garantir unha transición xusta para todos os sectores, especialmente os máis expostos aos cambios: o agro, a pesca, a industria ou o rural”. Esta foi tamén unha das mensaxes da conselleira de Medio Rural na súa visita a Bruxelas. E, como exemplo dos esforzos para adaptarse a estes cambios, o representante galego no Comité Europeo das Rexións explicou o éxito da figura xurídica dos Proxectos Industriais Estratéxicos e o novo Plan Galego de Investigación e Innovación, aliñado coas prioridades europeas e froito dun amplo proceso participativo. 

Boa lectura!

Skills

© Pexels