Boletín nº 55 | Galicia arranca 2025 defendendo unha política de cohesión que sitúe ás rexións no centro

31/01/2025 |

Comezamos un novo ano coa análise do novo Colexio de Comisarios para o mandato 2024-2029, segundo baixo a dirección de Ursula Von der Leyen. 9 mulleres e 18 homes que teñen por misión reforzar a unidade europea actuando en varias frontes como en garantir a seguridade nun mundo máis perigoso e turbulento ou en reforzar a competitividade, a economía social de mercado, as transicións ecolóxica e dixital e a democracia na UE. A seguridade é, precisamente, o fío condutor das prioridades políticas da Presidencia polaca do Consello e foi obxecto do debate entre os líderes europeos do último cumio celebrado en decembro en Bruxelas.

Previsiblemente tamén, terá un lugar privilexiado na proposta de orzamento plurianual que a Comisión Europea ha de presentar a mediados deste ano. Para defender a importancia de manter unha política rexional forte neste orzamento, aliámonos con outras rexións baixo o nome de EURegions4Cohesion e reunímonos con varios destes novos comisarios, ante os que reivindicamos a necesidade de seguir contando con programas rexionais propios.

E como mostra das iniciativas lexislativas que se achegan, chamamos a atención sobre as consultas públicas que acaban de abrir e que interesan moito en Galicia, como as relativas ao réxime de axudas públicas ao sector da aviación, ás directivas de contratación pública ou ao regulamento sobre a política pesqueira común.

Boa lectura!

Skills