Actualidade
Boletín nº 52 | O novo ciclo institucional comunitario vai collendo forma
A volta do verán vén cargada de noticias no eido institucional coa renovación de dúas das institucións comunitarias máis importantes: o Parlamento Europeo, que iniciou a súa décima lexislatura en xullo, e a Comisión Europea, cuxa presidenta, Ursula von der Leyen, foi revalidada no cargo para os vindeiros cinco anos. Fíxoo tras presentar unhas prioridades políticas que dan continuidade ao traballo do último mandato, pero que inclúen propostas novidosas en áreas como a competitividade ou a vivenda.
Dende a firme convicción de que “só unha Europa unida pode estar á altura dos retos que expón un mundo inestable”, o programa político de von der Leyen lembra que a UE unicamente actúa alá onde poida achegar valor engadido e apela á mobilización de todos os actores para remar na mesma dirección: desde as institucións europeas aos propios cidadáns, pasando polos gobernos nacionais e rexionais, o sector privado, os interlocutores sociais e a sociedade civil.
As grandes liñas deste programa enmárcanse na Axenda Estratéxica que aprobaran os líderes europeos en xuño, como explicamos no noso anterior boletín: competitividade, seguridade e defensa, transición xusta, modelo social europeo, soberanía alimentaria, reforzo da democracia… A última prioridade refírese ás reformas internas que a UE está a explorar para prepararse ante as futuras ampliacións cara ao leste, comezando coa remodelación do orzamento europeo 2028-2035, un debate que seguimos moi de preto dende a Fundación Galicia Europa polas implicacións que pode ter en materia de recepción de fondos.
Ademais disto, durante este mes analizamos as oportunidades que ofrece a recente Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP), compartimos coas institucións comunitarias a situación actual do despregamento da enerxía eólica en Galicia e demos a benvida a unha nova quenda de bolseiros que se uniron ao equipo da FGE en Bruxelas.
Boa lectura!