Actualidade
Boletín nº 41 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega
Neste boletín recollemos dous dos acordos xa acadados para poñer en marcha unha nova lexislación europea chamada a desencadear unha verdadeira transformación do noso estilo de vida para mitigar o cambio climático. As convocatorias de financiamento e as consultas públicas que seleccionamos comparten este mesmo obxectivo: o gran reto da transición verde, principal prioridade da Unión Europea nestes momentos.
Ademais disto, un primeiro plan europeo de saúde mental pretende incitar aos Estados membros a investir neste eido, aínda que solo sexa por unha cuestión económica. A UE calcula que os custos aparellados á saúde mental (sanitarios, baixa produtividade…) ascenden a máis do 4 % do PIB europeo, uns 600 000 millóns de euros ao ano.
E por último, unha nova axenda para as relacións entre a UE e América Latina e Caribe reaviva a cooperación con esta parte do mundo, tan importante para Galicia polos estreitos lazos que nos unen con ela.