Actualidade
Boletín nº 40 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega
Ás portas do Día de Europa e da inauguración do Ano Europeo das Capacidades, fixámonos na necesidade de capacitación dixital. O obxectivo fixado pola UE é lograr que, de aquí a 2030, o 80 % dos adultos teñan as capacidades dixitais básicas, e que haxa 20 millóns de traballadores especializados en TIC, entre os que hai de haber máis mulleres. As capacidades dixitais son agora tan importantes como as de lectura e escritura. Xa está en marcha un proxecto piloto para certificalas a nivel europeo con vistas a instauraralo en 2024.
Por outro lado, unha das cinco Misións da UE, a referida á recuperación dos solos, chama a unirse a esta causa a municipios, centros educativos, empresas e todo tipo de entidades. Tan so un 40% dos solos na UE gozan de boa saúde, a pesar de que son esenciais para a produción alimentaria, o abastecemento de auga potable, a captura de carbono e preservación da biodiversidade. Esta Misión apoia a creación de 100 laboratorios viventes e sitios de referencia que lideren a transición cara a uns solos sans de aquí a 2030, tanto en zonas rurais como urbanas.
No apartado de financiamento, destacamos a convocatoria de máis de dous millóns de euros para mellorar o coñecemento científico que serve de base para a toma de decisións políticas en materia de pesca.