Boletín nº 37 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

06/02/2023 |

Neste primeiro boletín de 2023,  fixámonos no primeiro marco normativo en relación coa Intelixencia Artificial que está a artellar a UE, e que coincide coa posta en marcha dun novo mecanismo de cooperación para a transformación dixital de Europa de aquí a 2030. A chamada “Década dixital” fixa ambiciosos obxectivos en materia de competencias, adopción de novas tecnoloxías, conectividade e administración en liña, que os 27 Estados membros están comprometidos a cumprir. A dixitalización das áreas rurais foi precisamente obxecto dun dos ditames debatidos no Comité Europea das Rexións a finais de xaneiro.

A Comisión Europea publicou, pola súa parte, a súa esperada iniciativa en materia de retención de poboación e abriu consultas públicas para a reforma do mercado eléctrico e para a revisión da directiva de morosidade. Estas dúas revisión están chamadas a ter un forte impacto nos consumidores e nas pemes en toda a UE.

Por último, e en relación co financiamento comunitario, facémonos eco do novo programa de traballo bianual do programa europeo de I+D+i  “Horizonte Europa”, do novo fondo CEI que inviste no capital social de empresas moi innovadoras e dos 40 millóns de euros para accións demostradoras de planificación urbana que dean resposta ao cambio climático.