Actualidade
Boletín nº 36 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega
É decembro, polo que toca despedir o ano que remata e preparar o próximo. Dende a FGE facémolo coa xuntanza do noso padroado, onde se aprobou o plan de actuación para o 2023. Este plan analiza a axenda europea dende un punto de vista autonómico, dando prioridade aos temas vitais para a FGE así como definindo e trasladando a posición galega ao debate europeo. 2023 será un ano clave para impulsar os máis de cen expedientes lexislativos actualmente en discusión entre o Parlamento e o Consello, desempeñando España, ademais, a Presidencia do Consello no segundo semestre.
O proxecto europeo semella unha casa de pedra; ás veces un pouco fría, pero capaz de aguantar calquera tormenta. A mellor estratexia é, ante máis problemas, máis Europa. Por tanto, ante o panorama actual de crise, guerra e inquedanza, no 2023 traballaremos sobre estes piares: defender unha transición xusta e ordenada no marco do Pacto Verde europeo, defender os intereses galegos na avaliación do funcionamento da Política Pesqueira Común (PPC), definir unha posición galega de cara ao marco financeiro comunitario post-2027, facer seguimento da execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, defender os intereses galegos na Revisión da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), difundir as capacidades galegas de investigación e innovación e contribuír coa nosa experiencia ao Ano Europeo das Capacidades.
Pero non todo é o futuro. Neste boletín botamos unha ollada á actividade desenvolvida no último mes, defendendo os intereses galegos en materia de automobilismo, sustentabilidade, agricultura, sanidade ou medio ambiente. Ademais, dende a Fundación celebramos unha xeitosa decimo sétima edición de TecEuropa, o noso curso en financiamento europeo para entidades públicas e privadas. Toda esta actividade vai en liña coa actualidade das políticas europeas, que trataron a mobilidade sostible, a enerxía ou as medidas contra a crise.
Boa lectura e boas festas!
