Boletín nº 35 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

11/11/2022 |

O pasado mes celebramos a vixésima edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades, o evento anual que facilita os contactos entre municipios e rexións de toda a UE nun plano técnico e político. Galicia foi un ano máis unha das rexións colaboradoras desta semana grazas ao apoio da FGE. Xunto aos participantes galegos, a EURegionsWeek reuniu a 2.000 participantes in situ e 20.000 en liña para intercambiar experiencias en relación coa transición ecolóxica, a cohesión territorial e a transición dixital.

Estes mesmos temas son os que dominan axenda da participación galega nos asuntos europeos: dende os movementos con outras rexións europeas para tratar de minimizar o impacto do veto europeo á pesca de fondo ata a inclusión de Galicia dentro da Misión europea que vai axudar a certos territorios a xestionar mellor os riscos climáticos, pasando polo debate sobre como acadar a neutralidade climática nas actividades agrarias en menos de 15 anos. En relación coa cohesión territorial, reunimos á Comisión Europea e á Xunta de Galicia nun novo encontro virtual para abordar as perspectivas dos novos fondos estruturais que van investirse en Galicia nos próximos años. Máis de 3.000 millóns de euros dedicaranse á competitividade e sostibilidade da economía galega, así como á mellora da conectividade e á cohesión social.

Por último, facemos un chamamento á participación dos actores galegos nas consultas públicas abertas pola Comisión Europea na fase inicial de elaboración normativa. Por exemplo, a referente á futura lei sobre as materias primas fundamentais, que en Galicia vai interesar dado o seu importante potencial mineiro, ou a posible creación dun marco común para o imposto de sociedades na UE, que representaría un grande avance no proceso de integración económica.

Boa lectura!