Boletín nº 34 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

04/10/2022 |

A crise enerxética centra boa parte deste boletín, cun resumo das medidas adoptadas nestes dous últimos meses enmarcadas en REPowerEU, o plan posto en marcha en maio para reducir a dependencia de combustibles fósiles e acelerar a transición cara a enerxías verdes. Segundo nos explicou a Comisión Europea no último encontro virtual, a resposta da UE céntrase na demanda, o subministro, os prezos e a diversificación das fontes.

No eido ambiental, dúas consultas públicas chaman a participar na elaboración dun novo marco de vixilancia forestal e dunha lei sobre protección e restauración dos solos. E en materia sanitaria, por primeira vez se identifican as tres principais ameazas na UE para as que debemos estar preparados.

No tocante aos fondos europeos, na FGE publicamos a nova Guía de Financiamento Comunitario 21-27, dispoñible na nosa web, e facémonos eco da aprobación do novo programa Interreg POCTEP e do plan estratéxico español da PAC, que investirá preto de 48.000 millóns de euros no agro entre os anos 23 e 27. Entre as convocatorias abertas, destacamos tres sobre a instalación da infraestrutura necesaria para a xeneralización dos combustibles alternativos no transporte, para a transición ecolóxica das cidades e para axudas á internacionalización de pemes innovadoras.

Dous membros do Goberno galego visitaron Bruxelas o pasado mes: a conselleira de Medioambiente para abordar as medidas de xestión das poboacións do lobo, e o vicepresidente segundo, en canto que máximo responsable dos asuntos europeos en Galicia.

Por último, invitamos a participar en dous grandes eventos de corte europeo que se celebran este mes e que poden interesar a moitas entidades galegas: a vixésima edición da Semana Europea das Rexións e Cidades, con máis de 300 actos previstos, e a conferencia da Plataforma de Transición Xusta, onde se mostran exemplos de proxectos de reconversión en zonas que teñen que abandonar a súa actividade económica principal por estar ligada aos combustibles fósiles.

Boa lectura!