Actualidade
Boletín nº 31 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega
Este mes fixámonos nas novas iniciativas europeas que tratan de impulsar a economía circular na UE, sobre todo, na primeira estratexia europea dedicada a un dos sectores máis contaminantes e que máis medrou nos últimos anos: o téxtil. De como deseñar e producir dun modo máis sostible e duradeiro tamén se vai falar a semana próxima na EU Green Week, ademais do traballo en curso para reforzar o principio de “quen contamina paga” e dos obxectivos de restauración da biodiversidade, que van ser por primeira vez vinculantes por lei.
Sobre o paquete lexislativo Obxectivo 55 para reducir as emisións de gases contaminantes nun 55% para 2030, as rexións e municipios europeos veñen de emitir a súa opinión coa aprobación de catro ditames aos que Galicia contribuíu con varias emendas. E de como asegurar que este gran proceso de transición ecolóxica sexa xusto e non deixe a ninguén nin a ningún territorio atrás, falamos no último encontro virtual que organizamos entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia.
En materia de financiamento comunitario, organizamos a 16ª edición do noso curso TecEuropa cunha ampla asistencia e apoiamos a clausura do proxecto europeo MATES, liderado dende Galicia. A UE financiou este proxecto como parte do Pacto Europeo de Capacidades, dando como resultado unha Estratexia de Capacidades Marítimas e Tecnolóxicas coa que satisfacer as necesidades de sectores como a construción naval ou o das enerxías mariñas renovables.
Por último, neste Ano Europeo da Xuventude, facémonos eco no apartado #EuroXuventude de dúas das múltiples iniciativas que se están a poñer en marcha a nivel europeo e de dúas consultas públicas en temas moi relevantes para os mozos: a calidade dos períodos de prácticas e a fuga de cerebros.
