Boletín nº 32 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega

05/07/2022 |

Malia as ameazas á transición ecolóxica derivadas da guerra en Ucraína, o Pacto Verde Europeo segue o seu curso. Nesta ocasión, con dúas novas propostas lexislativas referidas á restauración da natureza e a un uso máis sostible dos pesticidas. O obxectivo é recuperar os ecosistemas, chave para o subministro de alimentos, a absorción do carbono ou a protección contra as catástrofes naturais. Pasado xa o ecuador da actual lexislatura do Parlamento Europeo, estas propostas uniranse ao debate de máis dunha decena doutras propostas co obxectivo de chegar a un acordo co Consello en 2024, a máis tardar, sobre os novos instrumentos xurídicos que deberían incentivar a gran transformación que a transición ecolóxica require.

Sobre a sostibilidade dun sector moi importante en Galicia, o agrario, falouse na Comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións celebrada en Santiago a principios de xuño. Esta cita, á que acudiron máis de 70 representantes políticos de rexións e municipios europeos, cerrouse cunha conferencia sobre como aproveitar a recuperación do turismo para transitar cara a modelos turísticos máis sostibles como o Camiño de Santiago. E sobre a sostibilidade do sector pesqueiro, pero dende un punto de vista máis amplo (social, económico e ambiental), versaron as xornadas celebradas na Coruña sobre a aplicación da política pesqueira común co obxectivo de contribuír á avaliación que está facendo a Comisión Europea. 

Por último, chamamos a atención sobre unha nova convocatoria da iniciativa que fomenta a elaboración de políticas públicas a partir da evidencia científica (Science meet regions) e o novo capítulo “enerxía limpa” do programa Life dedicado a romper as barreiras do mercado que dificultan a transición cara á enerxía sostible. Cunha taxa de cofinanciamento moi vantaxosa do 95%, dedica 100 M€ a diversos tipos de proxectos coa participación de multitude actores: administracións públicas, ONG, consumidores, empresas… Sen esquecernos, como non, do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, para o que plan español conta cun calendario actualizado de convocatorias e licitacións para o segundo semestre do ano, cifrado en máis de 17.000 millóns de euros. 

Boa lectura!