Boletín 29º | Recuperación económica da UE

25/02/2022 |

O termo clave da axenda europea nestes momentos é, sen dúbida, “transición”: transición climática, enerxética, dixital e xusta.

Neste boletín recollemos oportunidades e ferramentas que a UE pon á nosa disposición para encarar os procesos de transformación. Por un lado, estanse a deseñar “itinerarios de transición” en cinco sectores económicos, empezando polo turismo (que acaba de poñerse en marcha) e seguido do transporte, para o que hai unha consulta aberta. Por outro, estanse a debater que medidas deben acompañar a transición para non deixar a ningún territorio atrás. E por último, varias iniciativas fomentan o investimento en ámbitos con moito potencial, como a economía marítima (BlueInvest), a formación de calidade durante toda a vida (EVSW) ou solucións que contribúan a vivir de maneira máis sostible, inclusiva e estética (Nova Bauhaus). Velaquí as pistas que nos dá a UE para gañar competitividade neste mundo cambiante e inestable.  

Nun novo apartado que poñemos en marcha , “Análise FGE”, explicamos o paquete de medidas presentado para fomentar a fabricación de microprocesadores en solo europeo, de grande interese para o sector da automoción galego.

Precisamente sobre os retos deste sector, falamos no último encontro virtual da FGE e no pleno do Comité Europeo das Rexións. A transformación da industria automobilística europea cara a vehículos de cero emisións supón o cambio estrutural de maior calado para o sector ata agora, podendo ter múltiples repercusións para os traballadores, provedores e fabricantes. 

E nun ámbito máis tanxible, facemos referencia ao camiño emprendido para xeneralizar as titulacións universitarias conxuntas na UE, que pasa pola creación dun carné de estudante europeo. En materia sanitaria, vaise poñer en marcha un rexistro que evidencie as desigualdades na prevención e atención do cancro en toda a UE e vai revisarse a información facilitada na etiquetaxe dos alimentos e bebidas alcohólicas.