Boletín CdR (pleno 169) | Resultados do pleno do Comité das Rexións

19/12/2025 |

Os días 10 e 11 de decembro tivo lugar a última sesión do pleno do Comité Europeo das Rexións deste 2025, na que participaron 17 membros españois, entre outros, os presidentes das Illas Baleares, Navarra, Andalucía, Castela-A Mancha, Galicia e o membro titular de Asturias.

Con anterioridade ao pleno, celebrouse no edificio do Comité das Rexións un encontro, con gran repercusión, presidido por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e da delegación española, entre os membros do Comité e europarlamentarios españois, no que se presentou a Declaración ‘Galicia’, adoptada o pasado mes de outubro en Santiago de Compostela, e se debateu sobre diversos aspectos da proposta do próximo MFP. Pódese consultar un resumo-acta da reunión aquí. A gravación do encontro atópase nesta ligazón. Todas as fotos da reunión están aquí.

Nestes días celebráronse catro debates. O primeiro recolleu as conclusións sobre o Foro «Cidades e Rexións polas Asociacións Internacionais» 2025 e contou coa presenza de Koen Doens, director xeral de Asociacións Internacionais da Comisión, e Barry Andrews, deputado do Parlamento Europeo. Este debate contou coa participación de Cataluña (Jaume Duch presentou o seu ditame sobre a Global Gateway), Navarra, Valencia e o propio Juanma Moreno, que abriu este pleno presidíndoo.

O segundo debate foi sobre Democracia e Estado de Dereito, con participación de Navarra e Cataluña, no que interveu o comisario de Democracia, Xustiza, Estado de Dereito e Protección dos Consumidores, Michael McGrath. A primeira hora do xoves, tivo lugar un intercambio de puntos de vista co ministro de Relacións Internacionais e Francofonía de Quebec, previo á sinatura do Acordo de Cooperación entre esta rexión e o CdR que se materializou despois.

Pero o debate central deste plenario xirou arredor da proposta do marco financeiro plurianual 2028-2034, que contou coa participación de novo do deputado Siegfried Mureșan, copoñente do informe do Parlamento. Tamén aquí os nosos membros tiveron un destacado papel e interveu Juanma Moreno desde o Estado, así como representantes de Navarra, Canarias, Cantabria, A Rioxa e Valencia.

Entre as dúas xornadas aprobáronse 12 ditames, entre os que destacan catro de relatores españois: A localización da estratexia Global Gateway da UE, de Jaume Duch; Por un turismo sostible e resiliente na Unión Europea: estratexia de xestión equilibrada e adaptativa, a cargo de Margarita Prohens; Estratexia de Preparación da Unión Europea, por Isabel Urrutia; e Plan de Acción da UE para o Aceiro e os Metais, por Guillermo Peláez.

Boa lectura!

CdR 162

© European Union / Emile Windal