Boletín CdR (pleno 164) | Resultados do pleno do Comité das Rexións

05/03/2025 |

O 21 de febreiro botou a andar o novo mandato do Comité Europeo das Rexións para o período 2025-2030. Neste primeiro pleno foi elixida como presidenta para os próximos dous anos e medio a húngara Kata Tutto e como vicepresidente primeiro o español Juan Manuel Moreno Bonilla, presidente de Andalucía. A mediados de 2027, durante a segunda parte do mandato, Juan Manuel Moreno Bonilla pasará a ocupar o cargo de presidente, tal e como establece o acordo de mandato compartido entre socialistas e populares europeos. Será a terceira vez que un español ocupe a presidencia do Comité Europeo das Rexións despois de Pasqual Maragall (1996-1998) e Ramón Luis Valcárcel (2012-2014). 

Este primeiro pleno iniciouse cun debate presidido por António Costa, presidente do Consello Europeo e antigo membro do Comité das Rexións, no que subliñou a importancia dos entes rexionais e locais para alcanzar o éxito colectivo na UE. Este comezo de mandato do CdR estivo ademais marcado pola presenza do alcalde de Kiev, Vitaliy Klitschko, que recibiu o premio Paweł Adamowicz polo seu compromiso coa liberdade e a tolerancia no terceiro aniversario da invasión rusa de Ucraína. 

En representación de Galicia asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen interveu nun debate sobre o futuro da política rexional europea para presentar a posición común das comunidades autónomas. Ante o vicepresidente executivo de Cohesión e Reformas da Comisión Europea, Raffaele Fitto, Rueda aplaudiu unha revisión do actual modelo de xestión dos fondos europeos para incrementar a simplificación e a flexibilidade, pero sen camiñar cara unha recentralización na súa xestión. Ademais de Galicia e Andalucía, a cita contou coa presenza dos presidentes autonómicos Cataluña, Aragón, Castela-A Mancha, Cantabria, Estremadura e Murcia, quen defendeu un ditame sobre a industria da defensa.  

Neste novo mandato, Galicia vai formar parte da comisión de Política Económica (ECON) e da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Ademais, será parte da delegación do CdR na Asemblea Rexional e Local Euromediterránea (ARLEM) e do grupo de traballo sobre Turquía.

CdR 162