Actualidade
Boletín CdR (pleno 162) | Resultados do pleno do Comité das Rexións
O pleno nº162 do Comité Europeo das Rexións (CdR) tivo lugar os días 7, 8 e 9 de outubro en Bruxelas, coincidindo coa 22ª edición da Semana Europea das Rexións e as Cidades.
O tema central desta sesión foi a presentación do Informe 2024 sobre o Estado das Rexións e Cidades Europeas, unha instantánea dos desafíos máis apremantes que enfrontan estas en toda a UE, así como as solucións que brindan sobre o terreo con miras a influír no proceso de toma de decisións comunitario.
No pleno, Galicia reclamou máis apoio e flexibilidade para garantir unha transición xusta en todos os territorios. De entre os 11 ditames aprobados, destaca tamén o referido á “Promoción do turismo de raíces para unha revitalización local sostible”, no que se pon como exemplo o Camiño de Santiago.
Á marxe dos ditames, a sesión plenaria acolleu un debate coa presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Nadia Calviño, e outro conmemorativo dos vinte anos dende a ampliación da UE de 2004.