Actualidade
Boletín nº 45 | Actualidade da UE dende unha perspectiva galega
Neste último boletín do ano, informamos dalgúns dos expedientes impulsados baixo a Presidencia española neste último semestre completo antes das próximas eleccións europeas. Os acordos aos que chegaron o Consello e o Parlamento Europeo son moitos: a reforma do mercado eléctrico, o traballo en plataformas dixitais, a Intelixencia Artificial, o Pacto Migratorio… aínda que haberá que esperar uns meses ata que estes acordos sexan definitivos e a nova lexislación entre en vigor.
Dende o punto de vista galego, a actividade foi intensa no último mes e medio: apoiamos a participación de varios altos cargos da Xunta de Galicia en diversos foros europeos relacionados co emprego, a pesca, a innovación ou a xuventude; organizamos un encontro virtual para facer balance da aplicación dos ODS a nivel europeo e galego; e apoiamos ao representante galego no Comité Europeo das Rexións na defensa dun ditame sobre a política pesqueira común.
No apartado de eventos, chamamos a atención sobre o IV Cumio de Investimento Sostible, fundamental para afrontar o reto financeiro que supón a transición ecolóxica en toda a UE. No apartado de consultas públicas, facémonos eco de dúas relacionadas coa protección das augas e o fondo mariño, e a súa compatibilidade con actividades como a agricultura e a pesca.
En convocatorias, atopamos unha interesante iniciativa que apoiará con 11 millóns de euros o pluralismo informativo na UE e outra para pequenos proxectos piloto para mellorar o estado dos solos.
Por último, a FGE está agora inmersa en seis proxectos europeos que ofrecen diferentes oportunidades para a mocidade en Galicia, especialmente, para que contribúan a dinamizar as áreas rurais. RUYOU, DYAS, Incubtrans… son os nomes dalgúns deles, cuxas actividades están recollidas en #EuroXuventude.