Boletín 27º | Recuperación económica da UE

13/12/2021 |

Neste último boletín do ano fixámonos nos retos e oportunidades que presentan as políticas europeas para Galicia.  

Retos como a posible eliminación das exencións fiscais aos combustibles utilizados no sector pesqueiro, e oportunidades como o pulo financeiro e político que se está a dar á investigación e innovación para descarbonizar a economía. Tamén as cinco “misións” que acaban de poñerse en marcha para loitar contra o cancro, adaptarse ao cambio climático e restaurar os mares e solos, e que invitan á implicación cidadá e de todos os niveis de goberno. Ou a estratexia industrial europea, que ofrece unha guía para definir o tipo de apoio que debe darse á industria a nivel local ou rexional para que resulte competitiva. Os investimentos interrexionais en innovación son unha das recomendacións europeas neste sentido, para os que acaba de publicarse unha convocatoria dotada de 145 millóns de euros. 

Galicia participa activamente no debate europeo para achegar a súa visión dende o terreo. Así o fixo nas últimas reunións do Comité Europeo das Rexións en relación coa futura axenda rural europea e coa descarbonización da economía azul. Hoxe mesmo, Galicia acolle tamén un debate sobre as oportunidades para o sector pesqueiro e acuícola como fonte de alimento sostible. 

Estes retos e oportunidades da axenda europea foron abordados polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na súa visita a Bruxelas de mediados de novembro, durante a que se reuniu con varios altos cargos da UE. A axenda, organizada pola FGE, incluíu unha mesa redonda sobre o Xacobeo 21-22, na que a propia presidenta da Comisión Europea animou a camiñar a Galicia grazas a que as vacinas e o certificado COVID permiten viaxar de forma segura en Europa.