Boletín 28º | Recuperación económica da UE

21/01/2022 |

Neste primeiro boletín de 2022 falamos da nova Presidencia francesa da UE, que se fixa ambiciosos obxectivos para mellorar a competitividade da UE a nivel mundial, así como da esperada revisión da Rede Transeuropea de Transporte. A ampliación do Corredor Atlántico para incluír o tren de alta velocidade entre Vigo e Oporto é unha das novidades da proposta de  redeseño desta rede que será debatida durante os próximos meses. 

Tamén prioritario é o desenvolvemento da autopista 5G entre esas dúas cidades para preparar a condución conectada automatizada, tal e como se reflicte no apartado dixital do Mecanismo Conectar Europa que ten agora abertas as súas primeiras convocatorias do período 21-27. De interese para as entidades galegas de I+D son tamén as convocatorias de dúas das Misións de Horizonte Europa: as referidas á adaptación ao cambio climático e á protección dos océanos, que contan con 214 M €.

Ata finais de mes, as cidades galegas poden manifestar o seu interese en participar noutra das cinco Misións europeas: a que pretende guiar e axudar a 100 cidades a ser climaticamente neutras en 2030, de forma que sirvan de exemplo ao resto de cidades europeas.

Por último, invitámosvos a participar nos Días Europeos da Industria que se celebran a segunda semana de febreiro e que por primeira vez terán un programa específco destinado aos mozos con motivo do Ano Europeo da Xuventude que acaba de comezar.