Boletín 25º | Recuperación económica da UE

24/09/2021 |

Retomamos o noso boletín informativo tralo verán cunha análise das diferentes propostas que compoñen o paquete “Obxectivo 55” publicado en xullo pola Comisión Europea. Esta revisión normativa marcará gran parte da axenda política dos próximos anos, como anunciou a presidenta da Comisión Europea no seu discurso anual sobre o Estado da Unión. Agora está en mans dos Estados membros reunidos no Consello e do Parlamento Europeo decidir o alcance desta firme aposta por reducir as emisións de gases contaminantes. Espéranse importantes implicacións en múltiples sectores como o forestal,  o enerxético ou o automobilístico, no sector público e nos propios fogares.   

A visita do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca a Galicia tratou algunhas destas cuestións co goberno galego, co sector pesqueiro e tamén con Inditex, en vista da próxima estratexia europea do sector téxtil.  

No apartado de financiamento comunitario, salientamos os 53 millóns de euros destinados á investigación e innovación no sector agrícola para apoiar a súa transición ecolóxica, o novo programa de apoio ao liderado feminino nas empresas tecnolóxicas e a nova Iniciativa de Vivenda Accesible. Tamén destacamos a nova edición do noso programa TecEuropa, que está a axudar ás ONG de Desenvolvemento galegas a entender os mecanismos do financiamento europeo. 

Por último, animamos ás entidades galegas a asistir en outubro á Semana Europea das Rexións e das Cidades, un gran foro de intercambio de experiencias rexionais e locais que este ano se celebra virtualmente baixo o lema “Xuntos pola recuperación”. 

Santiago acollerá unha reunión do Comité Europeo das rexións no ano Xacobeo 2022