Boletín 23º | Recuperación económica da UE

21/06/2021 |

Tras meses de preparación, o verán comeza coa posta en marcha de dous grandes procesos na Unión Europea: o de consulta e reflexión que supón a Conferencia sobre o Futuro de Europa e o de recuperación económica grazas a NextGenerationEU. Ambos fannos reflexionar sobre o papel que desempeña a UE nas nosas vidas e sobre o rumbo que nos marca. Por exemplo, a transición ecolóxica chega agora tamén aos sectores marítimo e mariño, de gran peso na nosa comunidade, e pretende atallar de forma drástica a contaminación do aire, a auga e os solos. Todo isto implicará importantes cambios na nosa forma de producir, consumir, desprazarnos…  

Para entender a magnitude destes cambios, dende a FGE organizamos no pasado mes un novo encontro virtual dedicado ao Pacto Verde e unha edición especial do noso programa de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa” dedicado ás empresas. E para mostrar como en Galicia estamos comprometidos con estes ambiciosos obxectivos, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia explicou a súa aposta polo hidróxeno como combustible alternativo e a Xunta de Galicia presentou a súa candidatura á Nova Bauhaus Europea, consistente nun proxecto multidisciplinar que combina sostibilidade e deseño coa mellora do sistema sanitario.  

Por último, neste boletín animamos a aproveitar as oportunidades de financiamento para este ano e o que vén do novo programa de Investigación e Innovación, Horizonte Europa, así como a participar nas consultas abertas en relación coas normas europeas de comercialización dos produtos agrícolas e de concesión de axudas públicas para o financiamento das pemes e dos proxectos de protección do medio ambiente.

Santiago acollerá unha reunión do Comité Europeo das rexións no ano Xacobeo 2022