Boletín 18º | Recuperación económica da UE

18/01/2021 |

Neste primeiro número de 2021 analizamos o fondo europeo de recuperación (MRR na xerga comunitaria) que está cada vez máis preto da súa posta en marcha grazas ao acordo acadado a finais de ano. A recuperación completa da pandemia constitúe, precisamente, o primeiro dos seis obxectivos políticos plurianuais acordados polas institucións comunitarias para os próximos catro anos, como así o demostra a recentemente estrada Presidencia portuguesa.  

Comeza unha nova etapa para a Unión Europea cun novo socio comercial e político: Reino Unido. Tras meses de incerteza, finalmente ambas partes chegaron a un acordo que tratará de minimizar os efectos do abandono británico da UE, con especiais implicacións no sector pesqueiro galego. Tamén no eido comercial, un primeiro acordo de investimentos entre a UE e China abre o camiño para equilibrar as relacións entre ambas potencias 

No apartado de consultas, chamamos a atención sobre a posibilidade de achegar comentarios a varias iniciativas antes de que a Comisión Europea as poña sobre a mesa. Trátase dunha nova estratexia para facer máis sostible a industria téxtil, da revisión da normativa en materia de emisións industriais e da fixación de obxectivos vinculantes para a recuperación da biodiversidade.  

Por último, a constitución de Polos de Innovación Dixital a nivel europeo debaterase a semana que vén nunha gran conferencia celebrada no marco da chamada “Década Dixital de Europa”.