Boletín 19º | Recuperación económica da UE

17/02/2021 |

Neste segundo mes do ano facémonos eco do Pacto Europeo polo Clima, a iniciativa que nos convida a todos (cidadáns, empresas, institucións….) a comprometernos e actuar ante a crise climática.  Tamén falamos da elaboración dos plans nacionais de recuperación e do novo Plan Europeo de Loita contra o Cancro, unha ambiciosa iniciativa dentro da acción reforzada da UE en materia de saúde.  

En canto á participación nos asuntos comunitarios, Galicia explicou en dúas ocasións a súa experiencia en facer fronte ao reto demográfico e defendeu os intereses do sector pesqueiro na negociación das cotas pesqueiras en augas británicas tras o brexit. Dende a Fundación Galicia Europa, retomamos os encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia, esta vez para coñecer de primeira man o programa de traballo da Comisión Europea para 2021.  

Varias consultas públicas chaman a nosa atención pois dende Galicia temos, sen dúbida, moito que aportar en temas como o impacto do envellecemento da poboación, o sistema de indicacións xeográficas para alimentos e bebidas ou a futura Estratexia Forestal Europea.  

No eido de financiamento, difundimos as últimas convocatorias do período 14-20 antes de que entren o vigor os novos programas 21-27 e explicamos en que consiste o proxecto de interese común europeo que fomenta a innovación en toda a cadea de valor das baterías.  

Por último, lembramos a celebración dos Días Europeos da Industria a semana que vén e anunciamos unha nova edición do noso programa TecEuropa, por primeira vez dedicado en exclusiva aos entes locais.